Nace Inmunogenom, a rede para a mellora e sustentabilidade da produción acuícola

Paulino Martínez, profesor da Universidade de Santiago, coordina esta Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/12/2017 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O Instituto de Acuicultura acolleu este venres a presentación da Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom) que coordina o profesor da Universidade de Santiago (USC) Paulino Martínez e que está conformada por unha decena de grupos.

Presentación da Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom)
Presentación da Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom) | Fonte: @GapavetLugo.

Inmunogenom pretende favorecer o intercambio de coñecementos entre a investigación pública e o sector produtivo así como promocionar o desenvolvemento de actuacións encamiñadas á mellora e sustentabilidade da produción acuícola. 

A xornada abrírona a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o profesor Paulino Martínez, tras quen interveu Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas CIMA, para presentar os seus traballos sobre a transmisión horizontal de cancro de berberecho 

A sesión continuou cun debate sobre os retos da acuicultura e a relación entre ciencia, industria e administración, e unha sesión de presentación das capacidades dos distintos grupos de investigación que integran a rede: Matbioinfo (Matemática aplicada e bioinformática), Acuigen (Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos biolóxicos), Gapavet (Anatomía patolóxica veterinaria), Paraquasil (Inmunobioloxía e parasitoloxía de peixes), Ditaprein (Diagnóstico, tratamento e prevención das enfermidades infecciosas) e GPM-CIMA (Grupo de patoloxía en moluscos). 

Forman parte tamén de Inmugenom o grupo GIPA (Investigacións de patoloxía en acuicultura) e os do propio Instituto de Acuicultura da USC, Acuibiomol (Bioloxía molecular e do desenvolvemento en acuicultura) e Aquabiotec (Acuicultura e biotecnoloxía).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta