Gonzalo Caballero minimiza a "fricción" entre candidatos a primarias e chama a que se manteña a "total normalidade"

Touriño rexeita dar "consellos" ao secretario xeral sobre como axuntar o partido, pois cre que ten "capacidade e experiencia"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2017 | Actualizada ás 15:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, restou importancia este venres á "fricción" entre os candidatos ás primarias, algo que considerou "normal", que entra dentro da "liberdade de expresión" e que ocorre en todos os partidos que utilizan este sistema para designar aos seus cargos.

Touriño e Gonzalo Caballero
Touriño e Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

É por iso que, ao ser preguntado en rolda de prensa sobre as críticas lanzadas pola exconcelleira compostelá Mercedes Rosón ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, Gonzalo Caballero saudou que as primarias do seu partido sexan "reais" e "competitivas".

Dito isto, desde o convencemento de que os procesos provinciais están a desenvolverse con "total normalidade", fixo un chamamento para que sigan esa liña nos días que restan até o domingo, cando terán lugar as votacións nas dúas demarcacións que faltan: as de Ourense e A Coruña.

O obxectivo, remarcou o dirixente socialista, é que as primarias permitan construír directivas provinciais "fortes" que "acompañen a folla de ruta de cambio e renovación" para o PSdeG que se definiu no congreso galego no que el foi ratificado como líder. "Un proxecto de esquerdas, galego e galeguista", resumiu.

SEN "CONSELLOS" DE TOURIÑO

En paralelo, a instancias dos xornalistas, o expresidente socialista da Xunta Emilio Pérez Touriño rexeitou dar "consellos" a Gonzalo Caballero sobre como levar adiante a tarefa de unificar o partido. "Creo plenamente que ten capacidade, experiencia, e todo o que ten que ter un secretario xeral, para responder adecuadamente", resolveu.

O que si sinalou é que o que marcará o liderado do PSdeG é a súa capacidade para "dar unha resposta de país" aos problemas que atravesa Galicia e observou que Caballero está "empeñado" niso. Así pois, instou ao partido a "ser un instrumento" de traballo baixo a premisa de "mirar moito cara a fóra e pouco cara a dentro".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta