Temas: FOLGA SINDICATO

Novas concentracións para pedir o indulto para dous sindicalistas vigueses

CIG, CCOO e UXT levarán o vindeiro 11 de xaneiro até a subdelegación do Goberno en Pontevedra a súa petición de indulto para Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, condenados a tres anos de prisión por participar na folga do transporte en 2008.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/12/2017 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A CIG, CCOO e UXT anunciaron, ao remate da mobilización que cada mes se celebra en Vigo para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, que o vindeiro xoves 11 de xaneiro trasladarán as súas protestas até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. As centrais denuncian que levan tres meses agardando que lles respondan á petición de xuntanza coa responsábel do organismo para abordar a situación dos dous afectados tras case catro anos á espera do indulto que evite a súa entrada na cadea.

Concentración no Marco de Vigo para pedir o indulto para Carlos e Serafín.
Concentración no Marco de Vigo para pedir o indulto para Carlos e Serafín. | Fonte: CIG

“Carlos, Serafín, indulto xa”, “Non son ladróns, son traballadores”, “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder”, “A represión non é a solución” e “Indultan banqueiros, condenan obreiros” volveron ser as consignas máis repetidas durante a concentración que se desenvolveu este xoves diante do Marco de Vigo en solidariedade cos dous traballadores condenados a tres anos de prisión por participar na folga provincial do transporte en 2008 e para reclamarlle ao Goberno español que lles conceda o indulto.

Ao remate da protesta, que se desenvolveu de 20:00 a 20:30 horas e na que participaron varias ducias de persoas, as centrais convocantes anunciaron que a vindeira mobilización trasladarase até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, organismo do que agardan unha resposta á petición de xuntanza cursada hai tres meses. Ademais, adiantaron que barallan convocar unha nova manifestación polas rúas de Vigo para o mes de febreiro.

Temas: FOLGA SINDICATO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta