O sector lácteo galego perde 10,66 millóns de euros ao mes

O Sindicato Labrego Galego tamén alerta de que se perderon un terzo das granxas no país en seis anos.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 15/12/2017 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

As 8.400 granxas leiteiras que seguen en activo en Galicia están a perder 10,66 millóns de euros ao mes. Así o denunciou este venres o Sindicato Labrego Galego (SLG) no seu Congreso do Leite en Ordes (A Coruña), no que a gandeira vilalbesa Lupe Prado foi reelixida responsábel do sector na organización agraria.

Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo
Manifestación dos gandeiros do leite en Lugo | Fonte: campogalego.com twitter

A Dirección do Leite do SLG saínte deste congreso, cuxos membros foron elixidos en asembleas comarcais que se celebraron nas últimas semanas por toda a xeografía galega, terá entre as primeiras tarefas da súa axenda nomear catro representantes provinciais que apoiarán a Lupe Prado no día a día das súas responsabilidades sindicais.

Na súa intervención inaugural, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, denunciou que se se computan a marxe existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e o prezo medio en Galicia, as 8.400 granxas leiteiras que seguen en activo na Galiza estarían a perder 10,66 millóns de euros ao mes.

Nesa liña, Vilalba lembrou que no pasado Congreso do Leite do SLG, celebrado no ano 2011, seguían activas en Galicia unhas 13.000 granxas de leite, polo que o sector perdeu un terzo dos seus activos nos últimos seis anos. 

PREZO

Precisamente, un dos temas centrais que ocupou as intervencións deste Congreso do Leite foi o dos baixos prezos, problemática enquistada no sector dende vello e que, nos últimos tempos, coa fin do sistema de cotas, se viu agravado. Neste sentido, o SLG segue a defender a "necesidade de que haxa un prezo base negociado polos axentes do sector e que, a partir de aí, se vaian sumando ou restando en base a calidades. E todo iso, plasmado nun contrato de obrigado cumprimento. Pero sempre, en primeiro lugar, un prezo xusto negociado; só despois, o contrato", salientaron.

Congreso do Leite en Ordes organizado polo Sindicato Labrego Galego
Congreso do Leite en Ordes organizado polo Sindicato Labrego Galego | Fonte: SLG.

"Lonxe disto, actualmente é a industria a que impón de maneira unilateral os prezos, fai e desfai criterios de calidade para manipular eses valores ao seu antollo e obriga a asinar os contratos que previamente redacta sen o concurso da parte produtora", censurou o SLG.

Ante disto, o Congreso do Leite do SLG ratificouse no compromiso de “seguir defendendo e reivindicando que exista un prezo de partida negociado para un leite tipo tamén acordado por ambas partes, que cubra os custos de produción e, a partir del, que se apliquen as primas que cada comprador estipule e que o produtor ou produtora acepte”.

REGULACIÓN DE MERCADOS

Outro dos eixos reivindicativos que se desprende do relatorio é a regulación de mercados, moi necesaria dende a fin do sistema de cotas e diante dunha tendencia a concentrar a produción cada vez en menos mans, o que implica a destrución progresiva do emprego e do tecido social vinculados á produción leiteira: “Deberemos garantir un nivel de renda mínimo para todas as persoas traballadoras da explotación, e para isto faise necesaria a regulación do mercado. En caso contrario, a concentración da produción en moi poucas explotacións será inevitable, co conseguinte peche das poucas que nos quedan”.

Outro dos cabalos de batalla de cara a facer rendible a produción leiteira ten que ver cos custos de produción. Neste sentido, debatéronse numerosas variábeis que inflúen neses custos e que dependen das políticas adoptadas pola Administración.

"A dificultade para acceder a unha base territorial suficiente, os ataques continuados da fauna salvaxe, impostos excesivos ou sacrificios innecesarios no marco de campañas de saneamento gandeiro, son factores que lastran as marxes de beneficio das nosas granxas e que dependen en grande medida das decisións políticas do Goberno do Estado, da Xunta ou dos concellos", detallou o SLG.

Outras demandas xurdidas do Congreso do Leite do SLG foron a necesidade de implementar un “plan de incorporación de mozas e mozos que poida garantir que todas as explotacións poidan seguir sendo viábeis no futuro”, potenciar alternativas comerciais como a venda directa ou incidir para que os grandes grupos cooperativos que están a xurdir en Galicia sigan a ser unha ferramenta útil para as granxas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anti...

Neste país todo esta mal, asteleiro, peixeiros, gandeiros , , redeiros, emigrantes retornados, moito rebumbio, pensións máis baixas do estado mais cando hai que votar que non botar, a maioría dos papeis van so ao mesmo canastro. Menos folga que foden a unha xeneralidade de persoas pra que cando temos a opción de mudar ao miniqreque sempre escollemos a direita e o mesmo ma ca co.

1 estoesdepena

estoy de acuerdo siempre llorando y luego corren a votarle a la derecha fascista y caciquil. los gallegos son masocas