En Marea critica que o PP "recorte ano tras ano" en investimento en Galicia, onde ten a súa "única maioría absoluta"

O partido instrumental censura que Fomento "deixa a Galicia fóra" dos principais investimentos en melloras das liñas ferroviarias

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2017 | Actualizada ás 18:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

En Marea criticou que Galicia "quede fóra" dos investimentos anunciados polo Ministerio de Fomento para a renovación das liñas ferroviarias, o que, para o partido instrumental evidencia a "nula capacidade" do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, para facer valer "as necesidades" da Comunidade galega "fronte aos seus compañeiros" de partido en Madrid.

Así, a través dun comunicado difundido este sábado, a formación rupturista lamenta que "a discriminación" que, din, sofre Galicia por parte de Fomento "mostra novamente a un PPdeG manso fronte ao Goberno central". "O PP galego acepta ano tras ano un continuo recorte de investimentos nas infraestruturas galegas, a pesar de ter en Galicia a súa única maioría absoluta en todo o Estado", apostila.

Deste xeito, En Marea censura que o ministerio planifica "sen contar coas necesidades" das conexións ferroviarias de Lugo, Ferrol, Ourense ou Vigo e tampouco ten en conta melloras na FEVE nin na liña Santiago-Ourense. "O anuncio do Goberno central e os seus correspondentes investimentos non atallarán ningunha das necesidades en materia ferroviaria que ten Galicia", engaden.

Ademais, censura que as medidas anunciadas "non acometen o tan necesario axuste de horarios e o incremento de frecuencias no Eixo Atlántico", unha cuestión que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia.

"Como sucede no caso da AP-9, o Goberno central non ten en conta o acordo de todos os grupos da Cámara galega, ignorando os acordos e condenando a Galicia a unha situación na que o atraso das infraestruturas ferroviarias é cada vez máis grande", subliñan.

Así mesmo, En Marea denunciou que o plan de transporte de mercadorías para o próximos tres anos é "outro paso máis no proceso de recortes e privatización do servizo ferroviario", xa que entenden que Fomento "desmantela un servizo público para favorecer a unha empresa privada mentres empeora a prestación do servizo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta