A oficina técnica da seca estuda este luns a situación da conca Galicia-Costa após as choivas

O director de Augas ve "previsible" que todas as zonas sigan en alerta, debido ao caudal dos ríos e a pesar da subida en encoros

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2017 | Actualizada ás 13:38 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A oficina técnica da seca reúnese este luns para analizar a situación da conca Galicia-Costa após as choivas caídas na comunidade desde a ponte da Constitución, incluído o paso da borrasca 'Ana', que deixou fortes precipitacións o pasado domingo.

Reunión da oficina técnica da seca o pasado 11 de maio
Reunión da oficina técnica da seca o pasado 11 de maio | Fonte: Europa Press

O director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, xa avanzou estes días que "non é previsible" que ningún dos subsistemas que compoñen esta demarcación hidrográfica salga da alerta e volva á prealerta.

Tamén repetiu unha mensaxe de advertencia en varias ocasións: "sería un erro pensar que con esta fin de semana e con esta borrasca se superaron os problemas de seca hidrolóxica que temos".

O mesmo ocorre coa do Miño-Sil, cuxa confederación hidrográfica (toda ela tamén en alerta) prevé estudar o novo contexto a principios do mes de xaneiro.

O encontro de Galicia-Costa estaba convocado con anterioridade a estas precipitacións, debido á preocupación que xeraba o eventual desabastecemento na área de Vigo. Con todo, as choivas torrenciais que deixou 'Ana' case duplicaron a ocupación do encoro de Eiras, que é o que abastece a esta zona.

A pesar diso, a cita mantense, aínda que fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas por Europa Press recoñecen que non implicará "practicamente" ningunha novidade.

O CAUDAL DOS RÍOS

Un dos datos que aínda non se coñecen, á espera de que se estabilicen, é canto se incrementou o caudal medio dos ríos debido á auga caída esta semana.

Até o momento previo, circulaba por eles ao redor dun 80% menos do habitual para a época, de aí a situación de alerta, que se refire ás reservas tanto en ríos como en acuíferos.

Rodríguez explicou esta semana que os ríos de Galicia, que son curtos, presentan picos altos ante as choivas. Por exemplo, o Verdugo, en Pontevedra, pasou de ir con moi pouco caudal a desbordarse en poucas horas ao seu paso por Ponte Caldelas.

A oficina técnica da seca, que se constituíu en xaneiro coa declaración da prealerta como prevé o plan da seca (de 2013), está composta por persoal especializado de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia, isto é, Meteogalicia, a Axencia Galega de Emerxencias, a Consellería de Medio Rural e a propia Augas de Galicia.

REUNIÓNS CON CONCELLOS

De maneira paralela, o organismo público encargado da xestión da auga na conca Galicia-Costa continúa mantendo reunións cos concellos das distintas zonas, para instarlles a adoptar medidas de aforro.

No entanto, non todos os municipios participaron nos encontros con Augas e por exemplo na da área central da demarcación só acudiu unha vintena de representantes, cando eran 52 os convocados.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta