Temas: TERMALISMO

Galicia e Portugal suman recursos en 'Raia Termal'

Seis concellos arraianos potenciarán a súa riqueza termal e paisaxística nunha iniciativa conxunta cun orzamento de 2,7 millóns, dos que o 75% procederá de fondos europeos. Participan Bande, Cortegada, Lobios, Muíños, Melgaço e Terras de Bouro.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/12/2017 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

Seis municipios da fronteira entre Ourense e Portugal potenciarán a súa riqueza termal a través do proxecto Raia Termal, unha iniciativa conxunta entre Galicia e Portugal que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros, dos que o 75% será aportación dos fondos Feder da Unión Europea.

Acto de presentación de 'Raia Termal' no centro Marcos Valcárcel en Ourense.
Acto de presentación de 'Raia Termal' no centro Marcos Valcárcel en Ourense. | Fonte: @DeputacionOU

A iniciativa foi concebida en marzo do 2015 e ten a participación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; a Deputación de Ourense; os concellos ourensáns de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños, e os municipios portugueses de Melgaço e Terras de Bouro.

Durante os próximos dous anos, este territorio entre Galicia e Portugal beneficiarase dunha serie de accións para recuperar os seus recursos termais e paisaxísticos, coa intención de converter a fronteira luso-ourensá nun atractivo para o turismo.

O proxecto de 2,7 millóns de euros será cofinanciado nun 75% pola Unión Europea. As actuacións restantes serán realizadas polas distintas administracións galegas involucradas (70%) e polas Cámaras portuguesas (30%).

A presentación desta iniciativa tivo lugar este luns nas instalacións do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, con motivo dunha xornada organizada polo xornal La Region de Ourense. O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Manuel Baltar; do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín e da Secretaria de Estado de Portugal, Ana Mendes.

Baltar explicou que Raia termal inclúe a recuperación de zonas térmais, a creación de prazas de aparcamento para caravanas, o tratamento de augas residuais e o condicionamento de sendas peatonais nas concas dos ríos Miño e Limia. Asemade, incidiu na necesidade de "involucrar" os habitantes da raia a través de "plans de divulgación, formación e información" para que "fagan seu" o proxecto.

Pola súa banda, o presidente da CHMS, Francisco Marín, defendeu a necesidade de "estructurar un territorio transfronteirizo europeo ao redor do termalismo". Tamén destacou que este proxecto, con apoio da UE, "servirá para mellorar a calidade e bo estado das augas" dos ríos Miño e Limia.

Temas: TERMALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta