A demarcación Galicia-Costa seguirá en alerta por seca ao estar os seus ríos un 52% por baixo do seu caudal histórico

Non se espera choiva até despois de Nadal e prevese que baixen os caudais os próximos días

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2017 | Actualizada ás 18:21 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Oficina Técnica da Seca propuxo este luns manter a declaración da alerta por seca na demarcación Galicia-Costa, debido a que o caudal circulante dos ríos aínda está un 52% por baixo do caudal histórico propio desta época.

Encoro
Encoro | Fonte: Europa Press

Con todo, neste encontro presidido polo director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, resaltouse que os caudais dos ríos de Galicia-Costa contan cun 30% máis de auga que os días previos ao temporal Ana.

Así, a Oficina Técnica da Seca cre que "é posible" que o caudal dos ríos baixe nos próximos días, pois aínda se está producindo a súa estabilización logo das choivas da semana pasada. As concas do sur da demarcación (Pontevedra) e do noroeste (Mariña lucense) foi onde se notou unha melloría maior, aínda que a borrasca beneficiou a todas as concas.

A isto únese a previsión meteorolóxica, pois non se esperan novas precipitacións até despois de Nadal, cando se desprace o anticiclón.

MELLORA DE ENCOROS

Tamén se aprecia unha mellora dos encoros de abastecemento, cunha media de case o 66%, un incremento liderado polo enchido do de Eiras (que abastece Vigo), que ao ser o máis grande dos existentes inflúe bastante no dato medio.

Por iso, aínda que se observa unha mellora xeral, a situación segue lonxe da normalidade. A modo de exemplo, os encoros de Forcadas (que abastece á área metropolitana de Ferrol) e Cecebre (da área metropolitana da Coruña) están un 20% por baixo do normal. Mentres o de Zamáns está cun 40% menos e o de Baiona, un 50% menos.

Se non se contabiliza no encoro de Eiras o resto dos encoros de Galicia-Costa está ao 52%, lonxe da media da última década, que é do 68%.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta