A Roda, 40 anos de música

O grupo vigués, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, presenta o disco 'A Roda ao vivo en Ortigueira', que recompila dezaseis clásicos coma 'Pousa, pousa', 'O gato' ou o 'Miudiño' para celebrar catro décadas na música.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2017 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

A Roda cumpre 40. A formación de música tradicional conmemora catro décadas dende a súa fundación a finais do 1977, toda unha vida dedicada a promover e difundir a música galega e o patrimonio cultural do país a través da chamada música de raíz. Un dos mellores expoñentes da música popular galega e un dos grupos máis antigos (aínda en activo) e recoñecidos.

Os integrantes da Roda, co secretario xeral de Política Lingüística (3º pola dereita).
Os integrantes da Roda, co secretario xeral de Política Lingüística (3º pola dereita). | Fonte: xunta.gal


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou este luns o grupo vigués na presentación do seu novo disco, A Roda ao vivo en Ortigueira, e salientou na súa intervención que “A Roda leva catro décadas promovendo a música galega e en galego. Non hai festa na que non se cante o Pousa, pousa ou o Miudiño, letras en galego convertidas en auténticos himnos de calquera celebración dos galegos, aquí e fóra das nosas fronteiras”. E engadiu: “Un grupo comprometido sempre coa lingua propia de Galicia que a finais dos 70 impulsou a mellor campaña de dinamización lingüística feita desde o eido musical co seu disco Falemos galego”.

Na presentación participaron os seis integrantes da formación: Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa.

CATRO DÉCADAS

A Roda naceu no ano 1977 dun grupo de amigos que se xuntaba arredor dunha mesa, facendo a roda que lles dá nome. O primeiro traballo, A Roda, converteuse nun supervendas e é aínda hoxe un dos clásicos da música galega: con el gañaron o favor do público e conseguiron o Premio da Crítica Galega. A partir dese momento, centos de concertos, tanto en Galicia como fóra, nomeadamente na emigración, numerosos premios e dezasete discos máis avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis comprometidos coa lingua galega.

A Roda ao vivo en Ortigueira é o título do novo disco, no que a banda se consolida no eido do etno-folk e conmemora os seus 40 anos, na que é a primeira gravación en directo editada en formato cedé, que proximamente se completará cun vídeo.

Recompila dezaseis éxitos da Roda, entre os que se poden atopar os míticos O gato, O andar miudiño ou o Pousa, pousa, xunto a outra serie de temas inéditos (varios compostos pola banda) e dous bonus track, 40 anos máis e Os cabaleiros d’A Roda, inéditos e compostos especialmente para a ocasión.

O repertorio viaxa do eclecticismo deste folk-rock, en temas como Alalá do Mariñeiro, ata á tradición galega con Pandeirada de Mens, pasando pola balada pop en Terras labregas, o folk instrumental en Jota da seisada e rematando na máis universal e coñecida Rianxeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta