Arsenio, fillo predilecto de Arteixo

‘O bruxo de Arteixo’, o adestrador que máis partidos (568) dirixiu o Deportivo, convértese na terceira persoa en recibir esta distinción do Concello arteixán tras Manuel Murguía e Mariano Arana.

Por Galicia Confidencial | Arteixo | 18/12/2017 | Actualizada ás 21:23

Comparte esta noticia

Arsenio Iglesias, o bruxo de Arteixo, o adestrador que máis partidos dirixiu na historia ao RC Deportivo (568), foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Arteixo, a súa localidade natal, que até o día de hoxe só concedera tal honra a dous veciños.

Arsenio Iglesias firma o libro de ouro do concello en presenza do alcalde.
Arsenio Iglesias firma o libro de ouro do concello en presenza do alcalde. | Fonte: @RCDeportivo (DXT Campeón)

O Goberno local celebrou este luns 18 de decembro un pleno extraordinario para aprobar o nomeamento do exentrenador arteixán como Fillo Predilecto do municipio. Con este recoñecemento, Arsenio pasa a ser a terceira persoa con tal distinción, despois de Manuel Murguía, historiador nado en Oseiro, e Mariano Arana, exintendente de Montevideo con familia orixinaria en Arteixo.

A sesión plenaria serviu para homenaxear o extécnico deportivista, que recibiu palabras de agarimo de todos os grupos da Corporación municipal. Arsenio, que no día de Noiteboa cumprirá 87 anos, tamén estivo arroupado por veciños e representantes do mundo do deporte e da política. O Executivo municipal concédelle esta distinción pola súa "recoñecida" e "ampla carreira profesional", segundo sinala o informe que elaborou o coordinador do departamento de Deportes.

O Concello e a peña deportivista A Costa, con sede en Oseiro, entregáronlle diversos recordos. O ex adestrador do Deportivo, moi emocionado, asinou no libro de ouro do Concello e tomou o micrófono para agradecer a homenaxe á corporación municipal e a presenza de todos os invitados ao emotivo acto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta