Un derbi de "rivalidade sá"

Abanca promove a terceira edición da iniciativa “Imposible sen ti” para “fomentar o respecto” entre as dúas afeccións. Cristóbal Parralo e Juan Carlos Unzué apelan a fomentar "a deportividade" no clásico deste sábado (18.30 horas).

Por gcdeportes | A Coruña | 19/12/2017 | Actualizada ás 08:58

Comparte esta noticia

Abanca, xunto ao Real Club Celta e ao Real Club Deportivo, puxo en marcha a terceira edición da iniciativa 'Imposible sen ti', proposta para "fomentar o respecto e a rivalidade sa" entre as afeccións dos dous equipos ante o derbi galego do sábado no estadio Abanca-Riazor.

Mosquera, Unzué, o representante de Abanca, Parralo e Jonny, no acto na Coruña.
Mosquera, Unzué, o representante de Abanca, Parralo e Jonny, no acto na Coruña. | Fonte: @RCCelta

Foi nun acto na sede da entidade, na que o director da rede comercial de Abanca, Gabriel González, estivo acompañado polos adestradores de ambos os clubs, Cristóbal Parralo e Juan Carlos Unzué, e os xogadores galegos Pedro Mosquera e Jonny Castro. Todos eles apelaron á importancia de promover "a deportividade" neste encontro. "Este sábado é un bo momento para potenciar o camiño dunha sa rivalidade", recalcou Gabriel González, palabras ás que se sumaron os dous adestradores.

Así, tanto Parralo como Unzué instaron a fomentar "o respecto" entre ambas as afeccións, mentres que subliñaron a iniciativa da entidade, que este ano ten como eixo central da campaña un anuncio no que a amizade é o eixo principal da historia. As protagonistas son dúas amigas de toda a vida, unha do Celta e outra do Deportivo, e un papagaio: 'O papagaio do Derbi'. Ademais do anuncio, Abanca puxo en marcha, dentro da mesma campaña, o site 'olorododerbi.com' no que todos os seareiros de Dépor e Celta poderán decidir se esta ave anima a un ou outro equipo.

Nos perfís de redes sociais de Abanca anunciarase se finalmente o papagaio, ao que unha das amigas tenta inculcar a súa afección polo seu club, neste caso o Dépor, é do Celta ou do Dépor. A campaña reforzarase tamén co uso en redes sociais dos hashtag #ImposibleSenTi e #Olorododerbi.

"REPRESENTAR A GALICIA"

Os dous xogadores galegos aseguraron que un derbi destas características supón "representar a Galicia" e apelaron por iso a que o partido sirva para "gozar". Sobre a situación á que chegan ambos os partidos a este derbi, os dous adestradores coincidiron en que os resultados non están a ser os mellores.

Con todo, expresaron que "o transcendente" non é que un chegue mellor que outro. "O importante é que se vexa un bo espectáculo", engadiu Parralo, quen, no entanto, admitiu que o Dépor tentará "aproveitar a vantaxe de xogar en casa". Pola súa banda, Unzué cualificou de "moi interesantes" este tipo de enfrontamentos e argumentou que o seu equipo ten "menos puntos dos que debería".

Ao termo do acto, o representante de Abanca desexou a ambos os equipos "o mellor" e subliñou "a seriedade" dos proxectos de ambos os clubs e "a calidade" dos seus xogadores". "Se vos vai ben, vaille ben a Galicia", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mazaira

Da pena, noxo e ata indignación escoitar a os dous futbolistas GALEGOS falando en castelán. Patético. E inda por riba a entidade que patrocina o acto. POBRE DA NOSA GALIZA. Eu non son ni do depor nin do celta, son GALEGO