O acusado de abusar dunha muller en Monforte declara que a relación foi consentida e a vítima o nega

A denunciante rexeita que bebese e afirma que chegou a pensar que a podía matar "aí" porque a colleu "moitas veces polo pescozo"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2017 | Actualizada ás 15:36 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O acusado de abusar sexualmente dunha muller en Monforte (Lugo), á que coñeceu nun bar do Malecón, negou que abusase dela e declarou no xuízo que a relación foi consentida e que o pasaron "ben". Mentres, a suposta vítima o negou e mantivo a acusación.

Xuízo en Lugo por supostos abusos.
Xuízo en Lugo por supostos abusos. | Fonte: Europa Press

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu a celebración do xuízo, a pesar de que se barallou a posibilidade de chegar a un acordo que finalmente non se alcanzou. A Fiscalía pide dez anos e medio por un delito de abusos sexuais, en tanto que a acusación eleva a petición a doce anos e a defensa reclama a libre absolución.

Os feitos xulgados sucederon en xullo de 2014, cando a parella se coñeceu nun bar en Monforte e el ofreceuse a acompañala á súa casa, nunha parroquia de Lemos, aínda que finalmente acabaron nun "escampado" onde supostamente se produciron os absusos.

O acusado, V.P., de 58 anos e nacionalidade portuguesa, sostivo que durante o encontro no bar estiveron a conversar sobre as súas "vidas", e que, incluso a muller, comentoulle que era viúva e que "non" tivera relacións desde facía tempo.

Ademais, mantivo durante a vista que a vítima bebeu alcol, "cubalibres" e que estaba "borracha". "Daba aspecto de estar borracha", manifestou. Noutro momento do interrogatorio, dentro do consentimento, esgrimiu que ela até saíu do coche, onde se produciron os feitos, para desvestirse e logo entrou no vehículo, sendo no asento do copiloto onde se tivo a relación.

Tamén advertiu de que a zona onde mantiveron as relacións é un lugar ao que adoitan acudir as parellas. Após os feitos, si que recoñeceu que a muller se puxo un pouco nerviosa porque lle faltaba o móbil.

NEGOU HABER BEBDIDO

Fronte a iso, a denunciante, que negou beber ese día, relatou que tentou zafarse do presunto agresor propinándolle un golpe co xeonllo, pero este pegoulle "hostias na cara". Segundo dixo, chegou a pensar que a podía matar "aí", dado que a colleu "moitas veces polo pescozo".

A pesar de opor resistencia finalmente consumouse a agresión sexual, e, posteriormente, o que máis estrañou á vítima é que cando a conducía de volta a casa a trataba "coma se" fosen "marido e muller, todo cariñoso". "Algo que se non se ve non se cre, despois de tanto dano", expuxo.

A avogada da acusación particular, María José González Rodríguez, concretou antes de entrar na sala que reclaman, á súa vez, sete anos de afastamento, ademais de máis de 50.000 euros de indemnización e os doce anos de prisión para o acusado.

En canto á súa clienta, comentou que "está nerviosa, para ela é importante pasar isto dunha vez". "Quere pasar páxina", sinalou. A avogada, finalmente, destacou que a muller "non dorme ben, e ten algunhas cousas que se produciron por mor de sufrir os feitos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta