Temas: CLIMA SECA

O terceiro outono máis seco dende 1960

Galicia rexistrou este outono un 64% menos de precipitacións do habitual. Outubro foi un mes extremadamente cálido, con case 2,5 graos por riba da media, e os concellos ourensáns de Leiro e Arnoia chegaron a alcanzar os 37,5 ºC.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/12/2017 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Un outono cálido, cun mes de outubro de rexistros históricos polas altas temperaturas, e estremadamente seco, con ata un 64% de precipitacións por debaixo do agardado. De feito, este 2017 Galicia rexistrou o terceiro outono máis seco dende 1960, só superado polos outonos de 2007 e 1978, que foron aínda máis secos. Así o recolle o informe que ven de publicar Meteogalicia referido ao outono climatolóxico: setembro, outubro e novembro.

Encoro de Portomarín afectado pola seca
Encoro de Portomarín afectado pola seca

O estudo mensual da precipitación acumulada neste outono amosa que setembro foi seco, pero outubro e novembro foron aínda máis. A precipitación acumulada nesta estación son 146 mm, un terzo da rexistrada (417mm) na serie 1981-2010. En Galicia acostuma a chover case tanto en outubro (167mm) coma en novembro (173mm), pero este ano apenas houbo precipitacións: 35 mm en outubro e 84 mm en novembro.

O informe de Meteogalicia fala dun outono cálido, malia que setembro foi o setembro máis frío dos últimos 21 anos. Pero outubro compensou dabondo o mes anterior, con case 2,5 grados por riba da media (a temperatura media das máximas chegou a 24,1ºC). Foron moitas as localidades que rexistraron temperaturas máximas moi elevadas para esta época do ano, superándose os 30ºC e acadándose topes históricos en moitas das estacións galegas. Isto debeuse principalmente a esas temperaturas máximas que presentaron unha anomalía de +4.73ºC, o valor máis alto da serie histórica.

Os concellos de Leiro e Arnoia alcanzaron os 37,5 graos o 2 de outubro, e Ribadeo foise ata os 35,4. Arbo chegou a 35,1 e Foz e Tui, aos 34,8ºC. Incluso na estación do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, malia estar por riba dos 1.000 metros de altitude, chegou aos 31,3 graos. Por contra, Calvos de Randín alcanzou os -8,9ºC o pasado 30 de novembro, o mesmo día que Manzaneda chegou a -6,7ºC e no Cebreiro rexistráronse -4,7ºC.

Ese 64% de precipitacións por debaixo do valor climático agardado fixo que en moitos municipios ourensáns as choivas fosen case inexistentes. Así, Carballeda de Valdeorras quedouse en 61 l/m2, Larouco en 69 l/m2 e Xinzo de Limia en 70 l/m2 en todo o outono climatolóxico. Por contra, os valores máis altos rexistráronse principalmente nas comarcas de Ortegal e a Mariña Lucense, onde se acadaron valores próximos aos 300 l/m2.

Temas: CLIMA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta