Fernando Molares, comuneiro contrario a Porto Cabral: “Hai unha especulación co chan e todos buscan a mellor tallada”

É un dos principais detractores do mega proxecto comercial que un fondo internacional quere facer en Vigo co apoio do presidente da Comunidade de Montes de Cabral. Está convencido de que detrás de todo isto hai “especulación” e incumprimento da Lei de Montes e da Lei de Solo. Asegura que, de levarse adiante o proxecto, máis de 60 familias terán que abandonar o seu fogar.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 19/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Son cinco anos os que levan algúns veciños e comuneiros de Cabral loitando contra o mega proxecto comercial de Porto Cabral, nesta parroquia de Vigo. Desde entón foron gañando forza e inluencia. Un dos comuneiros, Fernando Molares, está convencido de que esta longa presión terá efecto. Polo momento contan xa co apoio de todos os grupos da Cámara galega para, polo menos, non impulsar a petición que impulsou un consorcio multinacional, Eurofond.

Fernando Molares, un dos comuneiros de Cabral críticos coa xestión do actual presidente, con membros da súa candidatura
Fernando Molares, un dos comuneiros de Cabral críticos coa xestión do actual presidente, con membros da súa candidatura

E non ten pelos na lingua para suliñar que, detrás desta negociación, “está unha especulación do chan, incumprimento da Lei de montes e Lei do solo de Galicia”. “A Xunta Rectora está apoiada polo Servizo Xurídico do Sr. Escariz. Tamén axentes inmobiliarios con xente que traballou no Plan Xeral do 2008. Todos ao servizo do grupo inversor, buscando a mellor tallada”, denuncia.

Hai unhas semanas, o presidente o presidente da Comunidade de Montes de Cabral, Luís Rodríguez, aseguraba que os que critican o proxecto "serán os primeiros en porse á cola" para pedir traballo e garantizaba que o monte comunal "non corre risco" e, aínda con Porto Cabral, terá máis superficie que hai uns anos.

Ti es membro da Comunidade de Montes. Non todos os comuneiros estades a favor do proxecto, porque semella que desde a presidencia parece que si?

Por suposto que non. A votación do dez de novembro de 2013 en furna e ante notario acreditou sobradamente isto. Gañou o non á negociación. E isto xa resume a situación. A maioría dos comuneiros dixeron non.

Candidatura de Fernando Molares á Presidencia da Comunidade de Montes de Cabral
Candidatura de Fernando Molares á Presidencia da Comunidade de Montes de Cabral

Pero entón como é posible que se continúe adiante. Cantos están a favor e cantos en contra porque non se entende que desde a presidencia da comuidade se insista co proxecto?

Eu diría que metade e metade. Pero a medida que se van esclarecendo a xestión e se van coñecendo as intencións na forma de actuar do presidente, dia a di temos máis apoios.

E que pasou para que tiverades que levar o tema aos xulgados?

Porque o presidente e a Xunta Reitora actúan cunha gran falta de transparencia e información, xeran desconfianza nas contas, realizan compras de terrenos a través dunha inmobiliaria, sobrevalorando os prezos. É a mesma inmobiliaria que permutou un terreno para a construción dunha nave pola que siguen imputados o presidente e o secretario –este por falsificación documental--.

De todo isto se lle pediu documentación por escrito e sempre se resistiron a entregala así que fomos ao Xulgado e os xuíces estannos dando a razón. Eles tiveron que entregar a documentación dos seis últimos anos. E, con todo, seguen desobedecendo a xuíz e se resisten a entregar o censo, xa co prazo cumprido. Estamos á espera da decisión da xuíz.

E mentres se resolve supoño que insistides na vosa loita. Cales son as razóns para opoñerse ao proxecto?

De levarse adiante o proxecto máis de sesenta familias teñen que abandonar os seus fogares. E por iso lles prometemos que nunca quedarían sós. Un barrio completo quedará totalmente afectado e haberá repercusións para toda a parroquia. Tamén haberá unha perda do patrimonio do parque forestal da Becerreira, perda de calidade de vida ante o desastre medioambiental e perda do comercio da Parroquia. E para Vigo e pobos do entorno, a perda do pequeno e mediano comercio. Eles son os grandes perdedores.

Ademais, detrás desta negociación, está unha especulación do chan, incumprimento da Lei de montes e Lei do solo de Galicia. Hai que lembrar que Cotogrande foi expropiado na década dos 90 polo concello que lle pasou os terrenos ao SEPES. Pero, este, despois dos primeiros informes medioambientais, desistiu dos proxectos e devolveron o monte aos veciños.

Pero o voso presidente asegura que non se tocará moito o monte e que xerará moitos ingresos para a parroquia e para os comuneiros...

Na mesma convocatoria das votacións daba as cifras de 600.000 metros cadrados e catorce millóns de euros a cobrar en prazos. E no caso dun concurso de acreedores ou quebra, a quen se lle ían cobrar?. Están clara as intencións?.

Entón, unha das cousas que máis chama a atención é a teimudez por continuar con este proxecto. Por que tanta insistencia?

Esa mesma pregunta é a que nos facemos continuamente os veciños e veciñas de Cabral. Por qué?...Vou reservar o que penso.

Cres que hai grupos de presión movendo o tema?

Si, claro. A Xunta Rectora está apoiada polo Servizo Xurídico do Sr. Escariz. Tamén axentes inmobiliarios con xente que traballou no Plan Xeral do 2008. Todos ao servizo do grupo inversor, buscando a mellor tallada.

E logo, eses milleiros de sinaturas que presentaron os partidarios do proxecto, non son un aval importante para que se faga?

Dado o tempo empregado e os lugares onde as recolleron coido que son poucas. Estamos a falar de que andiveron por toda Galicia e, en proporción ao número de habitantes do pais, queda claro que son poucas. E logo hai que examinar a realidade das mesmas.

Tedes apoio por parte dos veciños de Cabral?

Moitos, moitos e seremos mais.

E no Concello de Vigo?

O alcalde dixo en diferentes ocasións que mentres non este aprobado un novo Plan Xeral non ten cabida o proxecto. Polo tanto, Porto Cabral, de momento, ten que agardar a aprobación deste novo plan Xeral.

E como respiran os polítiticos locais?. Dígoo porque recentemente no Parlamento, todos os grupos se comprometeron a non defender o proxecto

En xaneiro deste ano 2017convocamos unha asemblea informativa en Cabral en colaboración con FAVE. Participaron tres partidos políticos; A Marea, o PP e o Bloque. Interviñeron seus líderes e os tres se manifestaron claramento contrarios a realización do proxecto ata a aprobación do novo Plan Xeral. Tamén estivemos nunha sesión do Parlamento galego, falamos con tódolos grupos e quitamos conclusións favorables. Estes días, tódolos partidos con representación no Parlamento se pronunciaron en contra do proxecto .

Pero este é un conflito longo.. Sinceramente, cres que tedes posibilidades a que finalmente non se faga este proxecto?

Levamos cinco anos, dende o primeiro intento de facerse cos terrenos na asemblea ordinaria da Comunidade de Montes de Cabral celebrada o 21 de abril do 2013. Desde entón pódese dicir que fomos gañando espazo. Si o pequeno e mediano comercio segue traballando no mesmo camiño, seguro que Porto Cabral non se leva adiante.

Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo
Terreos onde se ubicaría Porto Cabral, en Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 Gamela

Todos nós somos os únicos responsables de que EuroFund http://eurofundgroup.com/es#team puxera a súa mirada interesada nunha poboación que a forza de fragmentada, individualista e insolidaria, ten tódalas característas para quedar enganchada ao cosumo conspicuo que propoñen as catedrais do chamado ocio social: ¿por que non imos esquiar en pleno agosto, cando levamos 10 anos alfombrando con granito de primeira calidade tódalas beirarrúas da cidade? Maloserá que non volvan estafarnos novamente coma fixeron co Auditorio Mar de Vigo... https://flic.kr/p/fkLLxj

1 Natasha Rostova delaRestreva

Concordo en case todo.

2 Natasha Rostova delaRestreva

Pero saberas tamen que somos minoria e dividida os que asi pensamos.