Temas: RURAL TURISMO

Os aloxamentos rurais galegos son os peor valorados en España

Galicia é, ademais, a quinta autonomía máis cara para o turismo rural, segundo un novo informe do sector.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

Os aloxamentos rurais que oferta Galicia aos turistas son os peor valorados no Estado, cunha nota media de 3,4 puntos sobre 5, segundo o Sétimo Informe do Turismo Rural en España, que elabora clubrural.com.

Valoración dos usuarios de aloxamentos rurais por comunidades autónomas, no Sétimo Informe do Turismo Rural en España
Valoración dos usuarios de aloxamentos rurais por comunidades autónomas, no Sétimo Informe do Turismo Rural en España | Fonte: clubrural.com.

O informe salienta que a opinión dos turistas cando teñen unha estancia en aloxamentos rurais é positiva, en xeral, cunha valoración media no total de España 4,2 puntos sobre 5 que outorgan tras a viaxe. Con todo, hai comunidades e provincias que destacan por enriba do resto.

Os comentarios fanse respecto de cinco criterios sobre os que os viaxeiros teñen que opinar: calidade/prezo, trato, instalacións, limpeza, confort e situación. En base a isto, xérase unha nota media que permite valorar como é a experiencia dos turistas nestes establecementos.

As comunidades mellor valoradas son Navarra (4,9), Cataluña (4,5) e Castela e León (4,4). No lado oposto, aparecen con menor puntuación Galicia (3,4), A Rioxa (3,6) e Estremadura (3.6).

CLASIFICACIÓN POR PREZOS

No que se refire aos prezos, un ano máis é o arquipélago balear o que ten a media de prezo máis elevada do Estado, con 64,50 euros por persoa e noite. A continuación, a Comunidade de Madrid cunha media de 34 euros, é a segunda, seguida por Cataluña con 30,75 euros de media por persoa e noite, Euskadi con 30 euros e, en quinto lugar, Galicia, con 29,5 euros.

Turismo rural
Turismo rural

No lado oposto, a comunidade máis económica para practicar turismo rural é como outros anos a Rexión de Murcia, cun custo de media de 22 euros. Aínda que con tres euros de diferenza, en penúltimo lugar atópanse Asturias e Navarra con 25. Pechan este top 5, Aragón (25,6 €) e Andalucía (25,75 €).

Temas: RURAL TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta