O TC tomba a lexislación galega sobre adopcións

A sentenza tralo recurso de inconstitucionalidade do Goberno central deixa no aire os procesos en curso. Un voto particular de Conde-Pumpido advirte de distintas "varas" de medir segundo as comunidades autónomas e a Xunta "abordará" as consecuencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2017 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

O Tribunal Constitucional tombou todos os artigos relativos á adopción e autotutela da Lei galega de Dereito Civil de Galicia aprobada en 2006 tras un recurso de inconstitucionalidade promovido polo Goberno central. Concretamente, quedan anulados os artigos desde o 27 até o 45, o que deixa no aire os procesos en curso.

Sede do Tribunal Constitucional en Madrid.
Sede do Tribunal Constitucional en Madrid. | Fonte: tribunalconstitucional.es

A sentenza, recollida por Europa Press, especifica que a declaración de inconstitucionalidade "non afectará as adopcións que sexan firmes" no momento da publicación deste fallo xudicial, posto que o principio de seguridade xurídica "aconsella limitar os efectos desta resolución aos que se atopan en curso".

Por iso, as adopcións que se atopan abertas, pero que aínda non son firmes, si que quedan afectadas por esta situación e agora "deberán adecuarse aos ditados das normas civís do dereito común e as procesuais de carácter estatal". Os procesos adoitan durar polo menos un ano para poder obter a consideración de aptos e a asignación definitiva, en función do país da adopción pódese prolongar durante anos.

Concretamente, o alto tribunal tomba o título segundo da lei, sobre adopcións, e o título terceiro, sobre autotutela. Un total de 18 artigos dos 308 que recolle a normativa de dereito civil galego.

VOTO PARTICULAR DE CONDE PUMPIDO

A sentenza, da que foi relatora Alfredo Montoya Melgar, conta con dous votos particulares, un de Juan Antonio Xiol e outro do maxistrado galego Cándido Conde-Pumpido, á que se adheriron Fernando Valdés Dal-Ré e María Luisa Balaguer.

O voto particular do maxistrado galego advirte na súa argumentación que o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno "non debeu ser estimado integramente, senón en parte", declarando nulos "unicamente os preceptos que conteñen normas procesuais".

Defende que o lexislador o que fixo foi trasladar e desenvolver actuacións xa arraigadas na sociedade galega, como o afillamento.

Ademais, avisa de que "pode xerar a impresión de que este tribunal (TC) aplica distintas varas de medir cando examina as conexións das lexislacións autonómicas en materia civil coas institucións consuetudinarias dos territorios co dereito civil foral ou especial", xa que houbo precedentes na lexislación aragonesa e catalá que chocarían con esta sentenza.

En relación á sentenza, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica explicou, nunha resposta a petición de Europa Press, que "abordará" este asunto coa asesoría xurídica para coñecer con exactitude o fallo e as súas consecuencias no ámbito das adopcións.

En todo caso, indicou o seu "respecto" pola sentenza do TC sobre a Lei de Dereito Civil de Galicia, impulsada en 2006 por Vicepresidencia da Xunta, cando gobernaba o bipartito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Agencias

12 merdeiros mandan máis que a vontade da nosa nación representada polo seu Parlamento que votou esta lei por unanimidade.

1 cesc

Tal cual.

1 acaso perderon o xuizo???

e algún ainda falando de independencia xudicial, o constitucional e política pura os xuices son do rebaño políticos de pepe$ e pe$oes, a cousa non vale nada, ninguen no seu san xuizo pode crer nada dese sitio, deberían pechalo ipso facto e largar a todolas señorías a universidade a facultade de dereitos para que rematen xa a carreira, e penoso ver a peribañez comendador do pp por alicante que ainda anda co diccionario xuridico aranzadi, agora vemos o que leva tanto meter e meter... isto e una vergonza meus, están desatados, perderon o xuizo...