Tubaxes e caldeiros de plástico para solucionar as goteiras no Hospital de Monforte

En Marea e o BNG critican duramente os recortes na sanidade pública e acusan á Xunta de abandonar as comarcas periféricas de Galicia. O conselleiro de Sanidade di que “está encantado” co servizo dos hospitais comarcais.

Por Galicia Confidencial | Monforte | 21/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Hai uns días dabamos conta no Galicia Confidencial das pingueiras xurdidas nunha das plantas do Hospital de Monforte logo do paso do último gran temporal que deixou grandes chuvias en todo o país. E como resolveu o Sergas esta situación?.

A solución atopada polo Sergas para solucionar as goteiras do Hospital de Monforte
A solución atopada polo Sergas para solucionar as goteiras do Hospital de Monforte

Fontes hospitalarias remitiron varias imaxes do “inxeñoso” apaño que fixo a xerencia do centro médico; unha tubaxe de plástico que vai a un caldeiro para "canalizar" as pingueiras. E todo nun lugar cun gran tránsito de pacientes. Precisamente, nese mesmo centro levan meses demandando mobiliario novo, aumento de persoal para atender as crecentes demandas asitenciais e tamén melloras nos baños dos centros.

Tanto en Marea como o BNG levaban esta situación á Cámara galega. Así, a deputada Olalla Rodil pedía que se aumente o cadro de persoal de enfermaría do hospital de Monforte. Sobre esta cuestión, o titular de Sanidade sinalou que todas as peticións serán "avaliadas e analizadas" co persoal do centro, aínda que defendeu que está "dimensionado" e conta cos traballadores "necesarios", mentres que se hai algún repunte asistencial realizarase "un esforzo".

Ademais, informou de que no hospital de Monforte hai un plan de renovación de mobiliario en marcha, ao que seguirá unha renovación integral das áreas de hospitalización e de consultas externas.

Pola súa banda, Luís Villares atacou duramente, tamén na Cámara, a nova lei de Sanidade porque, dixo, "afasta" aos pacientes dos hospitais. “E na sanidade, a distancia mata", dixo. Por iso considerou a Feijóo "un presidente separatista" en termos sanitarios.

Veciños da Mariña cantan panxoliñas para que non lles quiten a sanidade pública
Veciños da Mariña cantan panxoliñas para que non lles quiten a sanidade pública

Ao fío desa supresión de servizos que denunciou, aludiu tamén á negativa de implantar o servizo de hemodinámica 24 horas en Lugo para recriminar á Xunta que trace "unha liña divisoria entre a vida e a morte cun horario de oficina". "É o colmo da prepotencia. Crese deus?", espetoulle a Feijóo.

A Mariña

Varios colectivos e partidos políticos levan meses denunciando o abandono que sufren as áreas sanitarias da Mariña, Ribeira Sacra, Salnés e Valdeorras.  De feito, a supresión das área sanitaria da Mariña, din, afectará as perto de 80.000 persoas adscritas. Por iso, diversos colectivos desta comarca levan días protestando. O último acto tivo lugar este mesmo mércores.

Para simbolizar a longa loita que levan realizando, numerosos veciños cantaron panxoliñas e montaron unha árbore da saúde diante do centro sanitario cos desexos para a sanidade pública da Mariña no 2018.

Unha cuestión que tamén se abordou no Parlamento a preguntas do popular Daniel Veiga que requiriu a opinión do responsable autonómico en materia sanitaria sobre a área da Mariña, en relación coas denuncias que apuntan a que "se vai a desmantelar o hospital" desta zona.

"Estamos encantados co servizo dos hospitais comarcais e a reforma da lei busca achegar máis os servizos ao cidadán, vivan onde vivan", respondeu Vázquez Almuiña, despois de rememorar que "xa" coa reforma da estrutura organizativa de hai anos "algúns dicían" que tiña por obxectivo "pechalos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta