O 60% das mozas e o 40% dos mozos galegos sufriron coacción sexual das súas parellas

O 92% das mozas e un 91.70% dos mozos sufriron nalgunha ocasión abuso verbal, sendo o tipo de violencia que máis se exerce, segundo datos dun traballo realizado por investigadoras da Universidade de Vigo publicados na Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, editada pola Universidade da Coruña e a Universidade do Minho.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/12/2017 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

Investigadoras da Universidade de Vigo veñen de presentar un estudo sobre a violencia entre as parellas de adolescentes galegos. Os resultados da investigación mostran que seis de cada dez mozas e catro de cada dez mozos recoñecen ter recibido coacción sexual por parte das súas parellas.

Violencia de xénero
Violencia de xénero | Fonte: Getty Images.

Con todo, o tipo de violencia que máis se exerce entre os mozos galegos é a verbal. De feito, os datos son alarmantes, xa que un 92% das mozas e un 91.70% dos mozos sufriron nalgunha ocasión abuso verbal.

Os resultados tamén indican que un 18.10% de mozos e o 24.40% de mozas sufriron abusos físicos leves pola súa parellas. E un 60% das mozas e un 40% dos mozos afirman que polo menos unha vez sufriron coacción sexual por parte das súas parellas.

O estudo fíxose mediante enquisa cunha mostra formada por 400 estudantes de Educación Secundaria de institutos públicos de Galicia, dos cales o 48.90% eran mozas e o 51.10% eran mozos. A idade media foi de 16,29 anos, cun rango de idade que vai desde os 14 aos 20 anos. Os adolescentes foron preguntados por cinco tipos de violencia: abuso sexual, verbal, físico, relacional e ameazas, os cales, salientan as autoras do traballo, "están moi relacionados entre si, con correlacións moderadas ou altas, podendo destacar que sufrir abuso relacional está moi relacionado con sufrir ameazas previas". 

As investigadoras consideran que os resultados do seu traballo mostran "baixas taxas de prevalencia na violencia sufrida como física, violencia sexual e violencia relacional", pero "alto nivel de violencia verbal sufrida polos adolescentes nas súas relacións de parella".

Desde a perspectiva de vítima, as investigadoras subliñan as diferenzas que se dan en función do xénero en relación ao abuso sexual e abuso físico: "Son as mozas as que manifestan sufrir maior nivel de abuso ou coacción sexual por parte de parella así como tamén afirman que sofren maior violencia a nivel físico por parellas fronte aos mozos". 

As fortes relacións atopadas entre os cinco tipos de violencia avaliados nas relacións de parella evidencia que "é máis probable que quen agreda fisicamente tamén abuse sexualmente, verbalmente, ameace e utilice o abuso relacional". Isto, din as investigadoras, "leva aos adolescentes a que perdan o control da situación e a que se vexan inevitablemente engulidos nunha espiral de violencia nas súas relacións de parella".

As autoras do estudo consideran "importante" traballar desde as institucións educativas cos adolescentes, aplicando "programas de prevención de violencia desde unha perspectiva coeducativa que fomente o bo trato e as relacións igualitarias no ámbito afectivo".

O traballo, titulado 'Violencia en las relaciones de pareja de adolescentes gallegos/as', publícase na Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, editada conjuntamente polas Universidades da Coruña e Minho (Braga), e está asinado por Yolanda Rodríguez-Castro, María Lameiras-Fernández, Mª Victoria Carrera-Fernández e Patricia Alonso Ruido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta