Piden a mediación do conselleiro de Educación para frear o despedimento "ilegal" dunha mestra

A CIG volve protestar ante o CPR Sagrado Corazón de Lalín pola súa decisión de prescindir dos servizos dunha empregada antes da súa xubilación, a finais deste curso.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 21/12/2017 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

Delegados da CIG concentráronse na mañá deste xoves de novo diante do centro educativo CPR Sagrado Corazón de Lalín, tras a negativa dos seus propietarios a prolongar o contrato dunha mestra até finais de curso, cando lle tocaría xubilarse. Os sindicalistas aproveitaron para reclamar ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que interveña no conflito, xa que "é a Xunta de Galiza a que está sufragando os soldos do profesorado deste centro", argúe a CIG.

Concentración da CIG ante o Colegio Sagrado Corazón de Lalín
Concentración da CIG ante o Colegio Sagrado Corazón de Lalín | Fonte: CIG.

A CIG-Ensino continúa así coas accións reivindicativas que emprendeu tras o despedimento "ilegal" o pasado 6 de decembro da especialista en Audición e Linguaxe, Geli Rodríguez Amado, do CPR Sagrado Corazón de Lalín.

Despois de que a empresa se negase a estabelecer calquera tipo de negociación e, en paralelo á redacción da demanda xudicial, delegados da CIG-Ensino esixen agora ao conselleiro que se involucre no conflito. Segundo declarou o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, “cómpre lembrar que este centro educativo está dentro do chamado pagamento delegado, é dicir, que o salario do profesorado está sufragado directamente pola Consellería, polo que a Administración non se pode manter á marxe desta situación nin un día máis. O conselleiro é coñecedor da realidade deste centro e non pode inhibirse dun caso que é claramente ilegal”.

Neste sentido, lembrou que a traballadora estaba contratada só por 9 horas semanais e cun salario de 600 euros cunha modalidade de contrato por obra e servizo. A comezos de curso entregóuselle unha prórroga do contrato na que se fixaba a data de finalización o 6 de decembro e non a finais de curso, que era o acordado con ela e que coincide co inicio da súa xubilación. Desde o sindicato iniciáronse as medidas xudiciais para reclamar, entre outras cousas, que a traballadora sexa indemnizada por todo este tempo que non está contratada.

Por outra banda, o sindicato continúa coa campaña de recollida de sinaturas de apoio á traballadora despedida na localidade de Lalín que lle serán remitidas á Consellería nos próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta