Cal é o mellor equipo de Galicia?

Os Riazor Blues colocan unha pancarta no adestramento do Dépor coa frase de Iago Aspas ‘O Celta é o mellor equipo de Galicia’ e Lucas Pérez responde ao celeste: “A historia está aí, non hai máis que dicir”. O dianteiro deportivista recomenda a Abel Caballero que se preocupe de que “o Celta non se vaia” de Vigo.

Por gcdeportes | | 21/12/2017 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

O habitual cando chega unha nova edición do clásico do fútbol galego. Declaracións cruzadas entre os dous bandos, e a eterna reivindicación sobre cal é o primeiro equipo de Galicia. Os Riazor Blues levan toda a semana poñendo pancartas en Abegondo para motivar os seus xogadores de cara ao derbi, e este xoves tocoulle o turno a unha coa frase de Iago Aspas: “O Celta é o mellor equipo de Galicia”.

Pancarta dos Riazor Blues este xoves en Abegondo.
Pancarta dos Riazor Blues este xoves en Abegondo. | Fonte: @RB1987Oficial

Foi o dianteiro coruñés Lucas Pérez quen respostou ao goleador celeste, e de paso ao alcalde vigués, Abel Caballero, quen na inauguración dunha pantalla LED nunha fonte de Vigo apuntara: "Aquí poderemos ver o 0-3 do vindeiro derbi en Riazor".

"O alcalde de Vigo que se preocupe de que non se lle inunde Balaídos todos os años, que bastante ten, e de que o Celta non se lle vaia da cidade", recomendoulle o atacante branquiazul a Abel Caballero. Tamén lle enviou Lucas Pérez unha mensaxe a Iago Aspas para deixarlle claro, segundo el, cal é o mellor equipo de Galicia: "A historia está aí, non hai máis que dicir. Non hai máis preguntas, señoría", en referencia aos títulos acadados polo Dépor.

En Vigo tamén se fixo referencia ás pancartas en Abegondo. O capitán do Celta, Hugo Mallo, entende que a afección deportivista queira "motivar" os seus xogadores, e máis, apuntopu, despois de que os celestes gañaran a pasada temporada os tres derbis disputados: os dous da Liga e o amigable do verán en Montevideo.

Pero segundo o capitán celeste, a pancarta do mércores ("Unzué: Qué suerte, el sábado jugamos el derbi"), está fóra de contexto. "Con todo iso, ao final eles danlle máis importancia ca nós. Coido que erran. Escoitei as verbas de Unzué e as pancartas están totalmente fóra de contexto. Co derbi, é moito máis fácil traballar durante a semana. O noso adestrador ía por aí. Tanto para eles coma para nós, sendo o último partido antes das vacacións, esta semana podería ter sido un pouco máis dura” sen o derbi, argumentou o defensa galego.

Malia as pancartas e o cruce de declaracións, tanto adestradores como xogadores dos dous conxuntos apostan por un derbi no que se repita a deportividade das últimas edicións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 jon

Parece mentira que a estas alturas da historia non sepamos disfrutar dos nosos equipos deportivos respetando os rivais. Son un amante do deporte dende pequeno, tanto que teño o blog deportivo www.topdeportes.pro pero nunca entenderei este tipo de rivalidades insanas. Como vigués son do Celta, pero non teño interés ningún en que o Deportivo lle vaia mal.

1 XPC

Cada vez que se xoga un derbi na Coruña, os locais pasan a semana a quentar o ambiente e cando se xoga en Vigo, eles mesmos fan chamamentos á concordia e á deportividade. Canto cinismo! O mesmo cinismo que practican os que primeiro falan e non calan dos títulos que ten o Deportivo de La Coruña e despois cantan "ser de los que ganan es muy fácil". En que quedamos?

1 Lume

Tranqui neno non te enfades.A ver por masa social , numero de socios, de peñas etc non hai cor pero ainda así sempre que o depor este por diante eu quero ver ao celta o mais arriba posible.