Temas: UE XUNTA

Varios dos proxectos eólicos que a Xunta quere axilizar están sendo investigados pola UE

A Asociación Petón do Lobo lembra que os proxectos de Laxe e Cabana de Bergantiños supoñen graves afecións ao patrimonio e ao medio natural. A Xunta anunciou este xoves que axilizaría os trámites.

Por Galicia Confidencial | Laxe | 22/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Cando menos dous dos parques eólicos proxectados pola Xunta, o de Pena Forcada - Catasol II e Mouriños están sendo investigados no Parlamento europeo tras presentar a asociación Petón do Lobo varias denuncias por afectar ao medio natural e ao patrimonio dos lugares onde están proxectados.

Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe
Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe | Fonte: Adega.

Ademais, estes proxectos están en investigación por parte da Comisión europea polas infraccións relaciondas coa fragmentación múltiple dun só proxecto industrial. As peticións foron admitidas a trámite e están abertas a adhesións. Ambas as dúas iniciativas contaron co respaldo do apoio da eurodeputada Lidia Senra.

Estes dous proxectos son de Gas Natural Fenosa: o de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, e o de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e Zas. E os dous recibiron numoras críticas e numerosas alegacións. A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo lembra que o Goberno galego aprobou "nun tempo récord" a declaración de impacto ambiental do proxecto eólico de Laxe, "a pesar da forte oposición social" e, practicamente á par, "saca a información pública o proxecto de Mouriños, no municipio limítrofe de Cabana de Bergantiños".

Os ecoloxistas manexan a hipótese de que "a Xunta de Galicia trataría de reforzar a posición de Gas Natural Fenosa ante un hipotético mercado único europeo das enerxías renovables", polo que consideran que "a aprobación destes proxectos obedece a intereses puramente especulativos e de posicionamento nos mercados globais".

"TRAMA EÓLICA"

Recordan, ademais, que "a directiva relativa á conservación de aves silvestres estende os seus efectos ás zonas que están fóra das áreas de protección como é a área de ubicación do parque eólico de Laxe". Por iso, "non se poden terxiversar as normas para favorecer o que aparenta ser unha 'trama eólica' máis que un proxecto dun parque eólico normal", alertan dende Petón do Lobo.

Estes son os motivos polos que Petón do Lobo trasladou ao Parlamento e Comisión europea este proxecto. Unha baza coa que avisa á Xunta que "non lle vai a ser fácil saírse coa súa". "Terá que lidar coas institucións europeas, que analizarán con lupa a incidencia dos parques proxectados sobre a Rede Natura e a Zona de Especial Protección de Aves", anuncian.

Precisamente, o presidente galego anunciaba este mércores que a Xunta facilitará todos os proxectos eólicos en marcha, un total de 18 parques que producirán 400 mw e que estarán situados, principalmente, no norte de Lugo, pero tamén en Pontevedra e A Coruña.

Temas: UE XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta