Un exército de apoderados que chegou de todo o Estado

Milleiros de interventores e apoderados desprazáronse dende diferentes puntos de España para participar nas eleccións autonómicas catalanas, principalmente, para apoiar ao PP e ao PSOE.

Por Martín Vaz | Barcelona | 21/12/2017 | Actualizada ás 22:58

Comparte esta noticia

Ninguén dubida da trascendencia destas eleccións ao 'Parlament' catalán,  tanto por ese anticipado récord de participación, refrendado durante o transcurso da xornada, como pola ampla presenza de medios internacionais, conscientes de que os resultados do día de hoxe resoarán máis alá das fronteiras autonómicas e nacionais. 

Unha das mesas electorais nos comicios de Cataluña do 21D
Unha das mesas electorais nos comicios de Cataluña do 21D | Fonte: Martín Vaz

Tanto é así, que milleiros de apoderados de partidos como o PP e PSOE, e tamén de Ciudadanos, chegaron voluntariamente dende diferentes puntos de España para formar parte dos comicios máis vixiados da historia de Cataluña. Unha peregrinación que se ben fala da transversalidade dos resultados, se cadra fai tamén de barómetro do intanxible: o que está en xogo.

Unha rapaza nova, apoderada do PSC, conta que saíu dende Madrid ás dez da noite e chegou a Barcelona ás sete da mañá, sen durmir. Ás oito da mañá xa estaba no colexio electoral de Universidade, en Barcelona, atendendo aos xornalistas que chegaban preguntando pola hora á que viña votar Miquel Iceta: "Non puiden nin sequera saudalo, as cámaras arrastrábano como se fora unha corrente". Ela é parte dos arredor dos máis de 200 apoderados socialistas que tomaron un bus dende algún lugar de España para chegar a Barcelona. No seu caso foi o PSM (a municipalidade do PSOE de Madrid) quen organizou aos apoderados voluntarios, aínda que ''veu xente dende Guadalajara, Madrid e tamén Valencia, para apoiar as mesas nas vilas pola proximidade do idioma". Di tamén que "é máis fácil vir nunha situación coma esta, na que só hai eleccións en Cataluña, aínda que sexa nun día laborable". No mesmo colexio tamén hai apoderados de 'Ciudadanos', que aínda que eles sí que son de Barcelona teñen constancia de que chegaron buses dende Castilla, Andalucía, Madrid e Galicia. 

BO AMBIENTE

A necesidade de fletar apoderados dende outras rexións de España contrasta co despregue dos apoderados de ERC, arredor de 18.000 en toda Cataluña. Segundo relatan dúas apoderadas do partido, tamén en Praza Universidade, "tentamos ter polo menos dous apoderados por cada mesa electoral". Preguntándolles pola presenza de vixiantes de fóra de Cataluña, cóntanme: "Está ben que veñan, vixían. Estamos tendo moi bo ambiente, de cordialidade, xa veremos logo no reconto" din con bo humor.

Apoderados do PSOE nas eleccións de Cataluña que chegaron de Madrid
Apoderados do PSOE nas eleccións de Cataluña que chegaron de Madrid | Fonte: Martín Vaz

En todo o colexio de Universidade tan só hai dous apoderados do PP, un deles cóntame que chegou onte á noite dende Almería "para axudar aos compañeiros aquí e de paso visitar a un amigo de Barcelona". Lamenta sen embargo non ter cartos para aproveitar a fin de semana na cidade. O Partido Popular, pese a ser o que máis apoderados trouxo dende outras comunidades (máis de 2.000) é o menos representado de entre tódolos vixiantes das mesas, segundo contan os membros destas "algúns van cambiando de colexio durante a xornada". A presenza do Partido Popular nestas eleccións podíase ler xa no momento que decidiron repartir a súa correspondencia electoral en sobres brancos sen identificar, coma se a cor azul (rexeitada tamén por 'Junts per Catalunya') fose incompatible co cromatismo exótico do panorama catalán.

Alicia é unha das apoderadas do Partido Popular no colexio Pau Clarís no Ensanche de Barcelona. O seu fillo Ulises, tamén apoderado do PP, veu dende México para participar das eleccións: "Tocábame a min ir a pasa-lo Nadal a México, pero co tema das eleccións o meu fillo preferiu virse desta vez". A súa homóloga Carmen, veciña do Masnou, unha zona marítima do norte de Barcelona maioritariamente secesionista, conta que é a única non-independentista da súa familia: "O meu marido é de Madrid, e tanto él coma os meus fillos e netos son independentistas. A miña filla pequena incluso foi a Bruselas á manifestación". Na súa expresión intúese un equilibrio entre a liberación e a preocupación: "Agora por primeira vez teño a sensación de que podemos participar das eleccións sen complexos, pero téñolle medo á cea de Nadal".

Carmen e Alicia, apoderadas do PP nas eleccións de Cataluña
Carmen e Alicia, apoderadas do PP nas eleccións de Cataluña | Fonte: Martín Vaz
Duas apoderadas de ERC nas eleccións catalás do 21D
Duas apoderadas de ERC nas eleccións catalás do 21D | Fonte: Martín Vaz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta