"Queremos que os mozos falen inglés, pero para que? Para emigrar?"

“Perdemos poboación, perdemos recursos e perdemos identidade e peso político”, denuncia sobre a crise demográfica Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC, que esixe aos políticos que deixen de ser "simples administradores" e traballen para garantir o futuro das vindeiras xeracións cunha xestión máis eficiente dos recursos.

Por Xerardo Porto | Compostela | 22/12/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A crise demográfica semella non ter fin no país. Nos seis primeiros meses de 2017, Galicia tivo case o dobre de mortos (16.812) que nacementos (8.870), e perdeu 6.500 habitantes. “Non é nada novo, levamos trinta anos con máis mortos que nacementos. E en nove anos vimos como se perderon 77.000 habitantes. A situación é moi alarmante”, sostén Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC, moi crítico coas políticas da Administración, insuficientes para frear o declive demográfico, e que reclama unha xestión máis eficiente dos recursos para afrontar o problema.

Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC.
Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC. | Fonte: xornal.usc

“Somos os máis vellos, somos un país de emigrantes e vanse os máis novos, somos conservadores e os cambios son máis difíciles. E temos un mercado de traballo pouco dinámico. E as políticas se dirixen cara aos máis vellos, que son máis rendibles electoralmente. É un resumo da propia historia de Galicia”, apunta Ferrás Sexto (Compostela, 1965) sobre as causas de por que Galicia presenta o peor saldo vexetativo do Estado.

O profesor da USC ve na crise demográfica “unha síntese dos problemas de Galicia”. Así o  argumenta: “O medio rural está como está, non se aposta polos sectores productivos, non temos claro se queremos producir leite, non hai unha política forestal eficaz… A política económica vai en función das grandes compañías, como Inditex ou Citroën, que non necesitan apoios. Non hai conexión entre os sectores productivos e o mercado de traballo, non se forma a xente nova para que sexa capaz de liderar eses sectores. E as universidades non forman os cadros precisos para iso. Queremos que os mozos falen inglés, pero para que? Para emigrar ou para abrir novos mercados para as nosas empresas?”

Sobre que Galicia teña a taxa de natalidade máis baixa do Estado, Ferrás Sexto denuncia que só con políticas natalistas non se deixará atrás a crise poboacional: “As medidas son cara aos medios, sexa cheque bebé ou tarxeta benvida, e xa se facían décadas atrás e non son suficientes. Os números están aí… Non é posible saír da crise demográfica só con políticas natalistas, non son dabondo. Ao ritmo que imos, a ver quen paga as pensións no futuro. Non se pode enganar máis a sociedade. Haberá que buscar unha Administración máis eficiente, e non unha que non garante o futuro das vindeiras xeracións. Chega un momento en que os políticos deben deixar de ser simples administradores e facerse máis responsábeis co futuro”.

Carlos Ferrás Sexto demanda deixar a un lado os intereses electoralistas e elaborar un plan a longo prazo: “Aprobar unha lei de incentivos demográficos, e que os políticos administren os recursos que hai de xeito eficiente. Definir un proxecto a longo prazo e encarar os desafíos demográficos. Ir ao importante do debate e non limitarse a intereses electoralistas a catro anos vista. E hai que facer partícipe á sociedade do problema, cun debate serio no Parlamento”.

E alerta: “O futuro de Galicia está en xogo. Perdemos poboación, perdemos recursos, perdemos identidade… O peso político e económico vai a menos. A identidade de Galicia foi a menos nas últimas décadas. E o único que temos son políticas de administración, e non de planificación. Hai que ir ao fondo dos problemas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Apaña_emigrante

Ía estenderme un pouco en tratar o tema da emigración, pero non paga a pena. Seguide apoiando reis_franquismo_PPsoe e non aos galeguistas que así vos foi ben ¿verdade? Só vou lembrar as palabras dunha británica, que nun rato de lecer dixo a dous españois en Londres: O voso pais cae no lixo e vos vides porque atopades todo o que queredes dun pais, xa feito por nos. Facédeo. Pero claro, facer iso é cambiar o país e iso terá a oposición de Madrid (cuidaooo, que se nos rompe apaña), do funcionariado corrupto chuchando en Galicia, dos paisanos que viven do trinque e dos políticos que están ben vistos polos medios de comunicación vendidos. Millor seguide no trinque_roubo que outra cousa da moito traballo, e cando o teu fillo non teña posto de traballo se non pasa baixo os c_llóns do cacique, que emigre, que así foi sempre.

4 anonimo

Dabondo dogmático, non me trasmite confianza, vai de profe, pero non da solucións (máxicas e) concretas). A solución está en facernos atractivos para que veña poboación doutros lugares, coa súa lingua e cultura e supla os fillos que non se teñen.

3 Natalidade

Bo artigo. A xente nova marcha porque non hai emprego. Se se invertise e apoiase a proxectos sostibles que xerasen emprego a xente deixaría de marchar. Sen un traballo estable a xente non pode ter fillos, non se dan as condicións. Creemos as condicións e a nosa xente fará o resto. Non queda outra que empezar a facer as cousas ben.

2 rip

O nivel político deste país é acorde a sociedade, non nos confundamos. Certo cando di que so xestionan, efectivamente gastan cartos e punto non saben facer outra cousa. da igual onde se gasta.... velaí galicia. De tódolos xeitos xa se chega tarde... non é derrotismo é unha realidade empírica galicia morre e punto... todos culpables aiquí non se salva ninguén... eso si o máximo responsable é obvio.

1 Natasha Rostova delasRestrevas

Grazas, por dicir o que hai que dicir. Malia que non o queiran escoitar. Cidadáns así somos os que necesitamos na política directamente ou coma asesores. De novo grazas polo sentido común e a valentía de dicir a verdade. Pido de novo ás forzas políticas galegas, sen distincións ideolóxicas, que escoiten e encaren a realidade. Coma esquerdista republicana e federal, non podo deixar de pedir unha alianza entre forzas de todo o estado que nos permita avanzar e que nos saque deste estancamento no que estamos. Cómpre tecer alianzas, con xente coherente por suposto non con ninistas. Temos que buscar solucións ao encaixe de Cataluña no estado. E aí, forzas coma o PNV ou o BNG poden actuar coma mediadores. E temos que dicilo claro sen avergonzarnos: somos republicanos e federalistas. Eu cando menos.