A metade dos adolescentes galegos entre 14 e 18 anos fai botellón

Vodka, ron e cervexa son as bebidas alcohólicas máis consumidas. A metade dos que participan no botellón consomen ademais tabaco e case catro de cada dez, cannabis, segundo un estudo da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/12/2017 | Actualizada ás 22:03

Comparte esta noticia

O 38,4% dos adolescentes galegos entre 12 e 18 anos practicou o botellón. Destes, un 17,5% fíxoo, polo menos, unha vez ao ano; o 16,6%, polo menos, unha vez ao mes e un 4,4% todas as semanas. Porén, cando se analiza a prevalencia do botellón cunha mostra de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, a cifra ascende ao 50,8%. Estes son os principais datos dunha investigación que vén de ser publicada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na revista científica Behavioral Psychology / Psicología Conductual  (Revista Internacional de Psicología Clínica y de la Salud).

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.

O estudo realizouse mediante enquisa a 3.419 adolescentes galegos de entre 12 e 18 anos, todos eles estudantes de  Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e Ciclos Formativos de grao medio de 37 centros públicos e privados das catro provincias.

Respecto dos patróns de consumo, os resultados das enquisas revelan que a totalidade dos adolescentes que acoden ao botellón consomen alcol, sendo o vodka, o ron e a cervexa as bebidas alcohólicas máis consumidas neste contexto.

Ademais, a metade dos que participan no botellón fuma tabaco e un 37,3% consome cannabis. O resto de substancias —alucinóxenos, cocaína, etc.— presentan unha porcentaxe de consumo inferior ao 6%.

Ao analizar os patróns de consumo combinado, os autores do estudo observaron que un 56,8% dos adolescentes recoñecen consumir alcol e tabaco e case catro de cada dez presenta un patrón de consumo claramente de risco ao incorporar tamén o consumo doutras substancias.

PATRÓNS DE CONSUMO
SUBSTANCIAS %
Alcol   98,6
Alcohol + tabaco  56,8
Alcohol + tabaco + outras drogas  37,3 
BEBIDAS ALCOHÓLICAS  
Vodka  78,5 
Ron  57,4 
Cervexa  49,4 
Xenebra  48,3
Whisky  30,8
Licores 26,7
Viño  12,8
Champaña, cava ou sidra 4,3
Outras bebidas  34,6
OUTRAS SUBSTANCIAS  
Tabaco  56,6
Haxix, marihuana 37,3
Éxtase, anfetaminas ou alucinóxenos 5,6 
Cocaína  3,6 
Tranquilizantes/sedantes  1,1
Outras substancias  3,3 
Fonte: Behavioral Psychology / Psicología Conductual, Vol. 25, Nº 3, 2017, pp. 529-545.

PRÁCTICAS DE RISCO

Os resultados do estudo tamén indican que os adolescentes que practicaron botellón presentan unha maior probabilidade de implicarse en todas as prácticas de risco exploradas polos investigadores, sendo a máis frecuente viaxar cun condutor baixo os efectos do alcol. Con todo, as pelexas, os accidentes e lesións, o sexo sen protección e manter relacións sexuais das que se arrepentiron son as prácticas que mostran unha asociación máis estreita coa participación no botellón.

Por outro lado, cabe salientar que oito de cada dez adolescentes que practican o botellón recoñecen que a maioría ou todos os seus amigos beben alcol e case a metade deles sinala que se emborrachan. Así mesmo, un 33,7% indica que a maioría ou todos os seus amigos fuman tabaco e o 13,6% que consomen outras drogas.

DANOS NO CEREBRO

Os datos deste estudo resultan "especialmente preocupantes" para os investigadores, polas "importantes implicacións que o consumo intensivo de alcol pode provocar nun cerebro en desenvolvemento" como o dos adolescentes.

De feito, "un patrón continuo de consumo excesivo de alcol conduce a alteracións funcionais no proceso de maduración normal do cerebro, mesmo antes de que os cambios anatómicos podan ser detectados". Así o concluíron científicos da Universidade Complutense de Madrid (UCM), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Universidade de Minho (Portugal) e do Centro de Tecnoloxía Biomédica CTB (Madrid), nun estudo publicado en Scientific Reports, no que descubriron que existen alteracións funcionais no cerebro de mozos bebedores, despois dun seguimento de dous anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Efixio

Non me extranha. Tenhen uns pais e avós que poderían estar na Idade Media. O único diferente é o móbil, a computadora, a radio maila Tv. O resto é igual. Que beban canto poidan!