Temas: 21D CATALUñA

Que opinan os políticos galegos sobre Cataluña? Dos piropos a Arrimadas ás felicitacións aos independentistas

Núñez Feijóo, Luís Villares, Abel Caballero, Ana Pontón, Xosé Manuel Beira, Martiño Noriega ou José Antonio Quiroga falaron sobre o acontecido o 21D con posturas e visións moi contrapostas. Un defenden o diálogo para a solución do conflito e outros a aplicación da lei.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2017 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A clase política galega valorou o acontecido este xoves nas eleccións catalás. E as súas opinións son moi contrapostas. Así, mentres o PPdeG e o PSdeG insistiron na necesidade de que os independentistas cumplan a lei, En Marea, Anova e o BNG destacaron en criticar a aplicación do 155 e salientaron a forza do bloque independentista.

Barcelona, na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución
Barcelona, na decisiva xornada de eleccións autonómicas en Cataluña, o 21 de decembro de 2017, trala declaración de independencia e a aplicación do artigo 155 da Constitución | Fonte: Miguel Núñez

Feijóo di que o PP non pode botar a culpa a ninguén do resultado e ve en Arrimadas a unha "excelente" candidata, mentres que Abel Caballero apunta que Cataluña non dá un mandato para incumprir leis senón para un Goberno na Constitución. Villares suliña que “quedou en evidencia a derrota da vía da represión para resolver conflitos políticos" e Pontón felicita aos soberanistas cataláns porque “non acepta a represión". Pola súa banda, Beiras culpa a Iglesias de "non querer comprender" que o independentismo "era un aliado" do rupturismo e o PSdeG sinala que os resultados "volven dar unha polarización social".

Así,  o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PP non pode botar a culpa a ninguén polo "moi mal resultado" que tivo nas eleccións autonómicas catalás, nas que gañou Ciudadanos porque presentou unha "excelente" candidata, Inés Arrimadas, e mobilizou como nunca o voto útil. "Ten un enorme mérito, é a primeira vez na historia da autonomía catalá que gañou un partido non nacionalista", dixo.

Á súa chegada ao Comité Executivo Nacional do PP, que se reúne baixo a presidencia de Mariano Rajoy, Feijóo, quen participou na campaña catalá, subliñou o "mérito" de Arrimadas, "unha excelente candidata e unha xusta vencedora". O mal resultado do PP débelles facer reflexionar e tomar decisións, pero "con acougo". "Os cataláns sabían que a única posibilidade de que houbese un goberno presidido por un partido constitucionalista era votar a Ciudadanos", engadiu.

ABEL CABALLERO

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou que nas eleccións celebradas este xoves, Cataluña decidiu que lle represente "un Goberno que actúe dentro da legalidade, en obediencia á Constitución e no cumprimento do Estatuto de Autonomía".

Reunión de Pablo Iglesias de Podemos con Xosé Manuel Beiras, de ANOVA
Reunión de Pablo Iglesias de Podemos con Xosé Manuel Beiras, de ANOVA

Así, nunha rolda de prensa este venres en Vigo, puxo en valor o "dato significativo" de que Ciudadanos fora a forza máis votada e que o Partido Socialista rexistrase un incremento no seu nivel de apoio. "Os partidos independentistas son segundos e terceiros, ningún foi a forza máis votada", incidiu.

No entanto, si admitiu que é "posible" que haxa un acordo no bloque independentista, aínda que dixo que haberá que "velo, porque hai incógnitas que teñen que ser resoltas". En todo caso, insistiu en que Cataluña decidiu que hai que actuar "dentro da Constitución e no cumprimento das leis".

VILLARES

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, defendeu, que "quedou en evidencia a derrota da vía da represión" para "resolver os conflitos políticos e o triunfo dos valores republicanos e de radicalidad democrática".

Nun comunicado, Villares realizou "unha valoración moi positiva" da "histórica" participación, que "dá idea dunha conciencia e consciencia" de querer revalidar "democraticamente" ás institucións de autogoberno que foron postas en dúbida "até o punto de ser suprimidas polas institucións estatais no marco da aplicación do artigo 155".

"Quedou en evidencia a derrota clara da vía da represión para resolver os conflitos políticos", sinalou Villares, antes de lembrar que, desde En Marea, "sempre se defendeu que os conflitos políticos tiñan que ter solucións políticas, non encarcerando á xente nin suprimindo institucións de autogoberno".

PONTÓN

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que "como galega nacionalista se sinte orgullosa de ver como hai un pobo que non acepta a represión e non se somete ante as imposicións que quere pór en marcha o Partido Popular con abuso de poder".

En declaracións aos medios este venres, durante un acto ante o Mercado do Calvario, en Vigo, Pontón felicitou ao pobo de Cataluña e ás forzas soberanistas que, subliñou, "revalidaron unha maioría absoluta nunhas circunstancias excepcionais nas que é evidente que había unha presión de todo o Estado, do poder xudicial e de grandes grupos mediáticos".

Na súa opinión, os resultados dos comicios deixan "moi claro cal é a vontade do pobo catalán": Que "non está de acordo coa vía represiva e non avala as políticas" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ao que considerou "o gran derrotado" nas urnas, cunha "derrota sen paliativos do Partido Popular, convertida en forza marxinal".

BEIRAS

Pola súa banda, o histórico dirixente do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras (Anova), cargou contra o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e contra o candidato de Catalunya En Comú-Podem, Xavier Domènech, aos que culpou de "non querer comprender" que o independentismo catalán "era un aliado e non un adversario" da esquerda rupturista.

"Domènech e Iglesias non quixeron comprender que na confrontación 'Procès-Estado' a contradición antagónica dominante era a da cuestión nacional e non a de clase, e que o independentismo era un aliado, e non un adversario, da esquerda rupturista española", sinalou Beiras nunha mensaxe da súa conta persoal de Twitter, onde, a continuación, apuntou a que "a consecuencia" do que considera "un erro" de estratexia foi que "o bloque da esquerda" queda debilitado.

MARTIÑO NORIEGA

O alcalde de Santiago e tamén membro de Anova, Martiño Noriega, advertiu a preguntas dos medios este venres que "o modelo de unidade popular" é o que se tentou "construír" en Galicia "desde fai cinco anos" co nacemento de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Ante a perda de apoios cultivada por Catalunya En Comú-Podem --que pasa de 11 a 8 escanos--, Noriega foi cuestionado sobre se a situación catalá está a pasar factura ás candidaturas de unidade popular.

PSdG

Opinión moi diferente foi a do deputado do PSdeG José Antonio Quiroga, que admitiu que os socialistas esperaban "un crecemento máis importante" do PSC nas eleccións catalás, pero valorou que os resultados son "relativamente satisfactorios". De feito, destacou que o "fundamental" é "que se deteña a tendencia á baixa" do partido, e confrontou este dato co "desastre" do PP, que atribuíu ao "prezo" que debe pagar por "non facer política".

Nuns comicios "moi polarizados", Quiroga opinou que os resultados "volven dar unha polarización social", polo que avogou por buscar "consenso para aliviar a tensión social". "Ábrese un novo tempo político" e será necesario un "gran esforzo" no Parlamento, subliñou, a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa.

O alcalde Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Luis Villares e Ana Pontón.
Luis Villares e Ana Pontón.
Temas: 21D CATALUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Anti...

Ao abel caralleiro dicirlle que efectivamente ao psc millorou sobre todo se facemos comparanza cas eleccións feitas entre o ano 36 e o 1977. E se nos imos os tempos dos reis católicos os pepeiros obtiveron un magnífico resultado. Todos gañaron coma sempre

1 Arquetipo

Ai, ai, quen nos dera un PSUC!!!!.