A Deputación da Coruña tamén rexeita a mina en Touro

A moción para que o goberno provincial se opoña a este proxecto mineiro saíu adiante cos apoios do BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Asamblea dos Veciños. PSOE e PP decidiron absterse.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/12/2017 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, defendeu no pleno a moción do BNG para que o goberno provincial se opoña á reapertura da mina de Touro atendendo á forte resposta veciñal e ás advertencias de distintos informes sobre os impactos da minaría nesa zona. Sanmartín aludiu aos efectos sobre o medio natural e "o perigo potencial que representa para a veciñanza" para subliñar que "esta explotación mineira pode ter nefastas consecuencias sociais, económicas e medioambientais dende o Ulla ata a Ría de Arousa".

Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.

A nacionalista, que a pasada semana visitou a zona para escoitar os veciños e reunirse con sindicatos agrarios e colectivos ecoloxistas, explicou que varios concellos, mesmo fóra da provincia da Coruña, xa deran luz verde a moción similares ante a ameaza que representa a mina para unha comarca que logrou nos últimos anos un notábel desenvolvemento gandeiro e para toda a bacía do Ulla. 

Sanmartín explicou ademais que os postos de traballo prometidos "serán temporais e de pouca calidade" nunha zona na que a afiliación á Seguridade Social no sector da agricultura e da gandería "triplica á media galega", e que eses son os empregos que se porían en risco.

A moción saíu adiante cos apoios do BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Asamblea dos Veciños, e coas abstencións dos grupos socialista e popular. Na moción pídese o rexeitamento da corporación da Deputación da Coruña ao proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino, que se solicite da Xunta a denegación desa reapertura, e que tamén a Xunta obrigue ao titular da concesión a restaurar os solos e as augas subterráneas e superficiais contaminadas pola anterior explotación. 

O grupo socialista presentou unha emenda á moción que non foi aprobada. O portavoz do PsdeG, Bernardo Fernández, expuxo ata un total de 24 puntos nos que solicitaba a necesidade de incluír garantías legais, sociais e medioambientais para a viabilidade do proxecto. "Nós non admitimos esta emenda porque consideramos que hai que mandar unha mensaxe clara á veciñanza, porque estamos a falar das posibilidades de desenvolvemento dunha zona riquísima desde o punto de vista agrario e gandeiro, e mesmo de repercusións até a Ría de Arousa. É algo moi serio que precisa unha mensaxe contundente de apoio a esta oposición veciñal", respondeu Goretti Sanmartín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta