Os xulgados de Cangas investigan a morte nas obras de Rande na AP-9

Xa practicou distintas dilixencias e espera agora un informe da Fiscalía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Xulgado número 3 de Cangas é o encargado de investigar a morte dun traballador nas obras de ampliación da ponte de Rande na AP-9, respecto do que xa practicou distintas dilixencias e espera agora un informe da Fiscalía.

Atasco na AP-9
Atasco na AP-9 | Fonte: Europa Press

Esta semana, após un almorzo informativo no que Itinere --grupo ao que pertence Audasa-- era patrocinador, o presidente desa entidade, Pedro Pérez, desvelou que se estaba investigando, segundo dixo, se o falecemento nas obras do pasado mes de xullo dun operario foi "un accidente ou unha caída provocada".

O traballador, N.G.C., de 54 anos de idade e natural de Canarias, precipitouse varios metros cando colocaba un valo para evitar caídas. A súa morte, segundo confirmaron a Europa Press fontes xurídicas, está sendo investigada en Cangas.

As palabras do presidente de Itinere pronunciáronse despois de que a semana anterior se incendiase un dos novos tirantes da obra de ampliación de Rande e ao día seguinte de que outro traballador sufrise, neste caso de carácter leve, un accidente laboral mentres operaba nesta infraestrutura.

A entrega da obra ten prazo de entrega finais deste ano. De feito, esta circunstancia, condiciona a aplicación da suba no cobro da peaxe en 2018 (salvo o incremento do IPC), unha cuestión que foi motivo de debate público nas últimas semanas despois de que transcendese que en total se subiría case un 4%.

INVESTIGACIÓN EN CANGAS

Dáse a circunstancia de que a ponte de Rande pasa por tres municipios de distinto partido xudicial e, neste caso, o accidente mortal produciuse en Cangas, polo que a investigación recaeu no número 3 deste concello.

Segundo confirmaron fontes xudiciais, o xulgado practicou distintas dilixencias e xa recibiu o informe da Inspección de Traballo. Agora espera a que Fiscalía informe as dilixencias practicadas.

Precisamente, o sindicato CIG denunciou en xullo o caso ante a Fiscalía pero, segundo explicou o secretario nacional de CIG-Construción, Xoán Xosé Melón, polo momento non obtiveron ningunha resposta.

A CIG xa denunciou no seu día as condicións nas que están os traballadores e advirten de que é a "reforma laboral" a que permite que se encadeen contratos ou que se traballen festivos incluídos, como ocorreu, dixo o secretario de Construción deste sindicado, na ponte da Constitución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta