Temas: EDUCACIóN

Dar clase a domicilio, no hospital ou no cárcere, o reto diario duns 70 profesores en Galicia

Docentes que imparten fóra de centros educativos sitúan a parte académica en segundo plano fronte á perspectiva "emocional" ou de convivencia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2017 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Conxugar a prioridade do coidado emocional ou "ensinar a convivir" co desenvolvemento académico de nenos ou adultos, en formación libre ou pautada. É o reto diario duns 70 profesores que en Galicia comparten, xa sexa a domicilio, no hospital ou 'entre reixas', a experiencia de dar clase fóra dun centro educativo. Aínda que cada escenario leva metas específicas e non se prepara igual unha clase para un neno en quimioterapia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que se tenta "formar" para que non volva delinquir a un preso no cárcere da Lama, os docentes 'sen colexio' si que coinciden nun extremo: "A parte estritamente académica é secundaria".

Estudio, estudiar, estudiante, estudiantes, clase, clases, aula, aulas, alumno
Estudio, estudiar, estudiante, estudiantes, clase, clases, aula, aulas, alumno | Fonte: Europa Press

Logo chegan os matices. O colectivo máis numeroso de profesores que desempeñan o seu labor fóra dun centro educativo en Galicia é o dos cárceres. Este curso son 51 os docentes destinados aos centros de educación para adultos das cinco prisións galegas.

Os datos facilitados pola Consellería de Educación constatan que, en decembro de 2017, cursan estudos nestes centros un total de 873 alumnos, aínda que a mobilidade dos reclusos fai bailar as cifras. No curso 2016-2017 o número de matriculados ascendeu a 1.422.

A oferta é ampla, regulada e non regulada. Por exemplo, impártense ensinanzas básicas iniciais, de ESO para adultos, e Bacharelato (nos centros da Lama e Teixeiro). Ademais, en Bonxe hai o ciclo de grao medio de FP en madeira e moble. Sobre o grao de promoción e tendo en conta a mobilidade, o curso pasado alcanzaron unha avaliación positiva 333 alumnos.

"FORMAR PERSOAS", NON "DELINCUENTES CON TÍTULO"

Juan Carlos Vilar dirixe o centro docente da Lama e ten moitos anos de experiencia ás súas costas. "A principal diferenza é que noutros centros a prioridade é ter un título e aquí non; os alumnos non están presos por non ter un título", explica, antes de recalcar que traballa con persoas que tiveron "unha vida moi dura".

"Son persoas que aprenderon a sobrevivir, que veñen de ambientes sociais marxinais, de familias desestructuradas e mesmo de países en conflito; agora temos que ensinarlles a convivir, non darlles un título. Se non, unicamente teriamos delincuentes con títulos e trátase de que non volvan delinquir, de formar persoas", reflexionou.

Satisfeito co seu traballo, desmente un prexuízo co que, admite, adoita atoparse a miúdo cando fóra do cárcere lle preguntan pola súa actividade: o "principal problema" non é a agresividade. De feito, cre que nas aulas 'entre reixas' hai menos incidentes que "nos centros da rúa, sobre todo se se fala de barrios conflitivos".

As dificultades ás que alude son a mobilidade dos reclusos, as consecuencias das drogas e os problemas mentais. E ve clave o papel do ensino no cárcere desde unha perspectiva psicolóxica. El, por exemplo, traballa cos presos de illamento, que pasan "21 ou 22 horas ao día encerrados en celas individuais".

"Aí é máis importante humanizar que dar clase en si", constata, antes de incidir nunha mensaxe que sempre traslada aos seus novos compañeiros: "Nós non somos xuíces para castigar máis a ninguén". Todo iso sen caer "na síndrome de Estocolmo" nin esquecer "con quen estás a traballar".

A felicidade para Vilar chega cando se atopa cun ex-alumno que conseguiu refacer a súa vida, pero tamén recoñece que frustra ver que moitas veces non se logra a reinserción. "A vantaxe nun colexio é que ves como os nenos aproban e evolucionan. Aquí te quedas coa dúbida", resolveu.

ATENCIÓN A DOMICILIO: UNHA OPCIÓN QUE OS PAIS DEBEN COÑECER

Ao redor doutra vintena de profesores repártense entre a atención educativa domiciliaria para os nenos cuxa saúde non lles permite asistir regularmente ao colexio e tamén a atención domiciliaria, dúas opcións que os pais deben coñecer e que achegan "tranquilidade e normalidade" ás veces en condicións "moi difíciles" para as familias.

A atención a domicilio réxese por un protocolo da Xunta que fixa en dez días o prazo máximo entre a recepción dunha solicitude e a resolución dos casos. Segundo informa Educación, é a familia a que debe presentar no seu centro escolar a solicitude co preceptivo informe médico.

A partir de aí, o profesorado titor elaborará un informe sobre o alumno que, xunto coa petición da familia e o informe médico, deberá remitirse á xefatura territorial de Educacion correspondente, que é o órgano encargado de resolver. Na resolución, farase constar a asignación horaria e a duración da atención.

Mentres recibe ensino na súa casa, o profesor deberá estar acompañado por un membro da familia. E "responder as necesidades das familias" é, precisamente, unha das principais demandas de Elena Gómez, unha profesora recentemente xubilada, pero que traballou moitos anos en atención educativa domiciliaria na zona da Coruña. Ve aos docentes que desempeñan esta tarefa como "mediadores" para que o neno non perda o contacto co seu centro.

"Atender as necesidades reais", remarca, partidaria de que, se hai que priorizar, se invista máis en persoal e se faga unha selección adecuada. Para atender a menores, ás veces en situacións moi difíciles, na súa casa, ve "imprescindible" ter vocación. "Pero se o seu centro educativo e a familia axudan, non se perden nada academicamente e saen adiante", afirma.

A PARTE ACADÉMICA "NORMALIZA"

Á marxe das clases na casa, os alumnos en réxime hospitalario tamén manteñen a súa escolarización para efectos de avaliación e promoción nos centros de orixe, polo que a "coordinación", sobre todo nos casos de longa e media hospitalización, entre as aulas e os colexios será continua.

Aínda que a súa praza está nun colexio, Mar Nieto ensina agora na aula do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e, a diferenza de Juan Carlos Vilar ou Elena Gómez, acaba de aterrar hai pouco máis de tres meses nun desempeño ao que se accede en comisión de servizos. Chega "cun traxe feito" do ensino tradicional e, agora, "coas mesmas teas", debe coser outro distinto.

Traballa con nenos en tratamento oncolóxico e ten clara "a prioridade da parte emocional", pero traslada que tamén hai "demanda do académico" porque contribúe a "normalizar" tanto para os menores como para as familias. "Se estuda lingua ou matemáticas, a percepción é que está ben", exemplifica.

Pensar en dar unha clase como nun colexio convencional "é imposible", xa que a resposta depende, moitas veces, do estado anímico ou dos efectos do tratamento. Cre, ademais, que falta "unha formación específica" para afrontar un labor que para ela resulta, sen dúbida, "enriquecedora".

"SACARSE O CHAPEU" ANTE OS PROFESORES DE COLEXIOS

En Galicia, outros 13 profesores viven outras realidades distintas ao ensino tradicional. Seis deles, no marco da colaboración de Educación coa ONCE para prestar atención especializada a 352 alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.

A Consellería tamén coopera coa Fundación ECCA, con seis docentes para un programa formativo que, a través das emisións radiofónicas de clases, axuda a obter o título de ESO a adultos. Do mesmo xeito, un profesor ensina aos que se recuperan nas instalacións de Proxecto Home.

Pero ter unha tarefa que esixe unha atención máis personalizada non impide un recoñecemento dos docentes 'sen colexio' aos seus compañeiros que ensinan "a clases de 25 nenos" en centros convencionais. Verbalízao Mar Nieto: "O seu traballo é de sacarnos o chapeu, admirable".

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta