Temas: EDUCACIóN

Elena Gómez, profesora a domicilio xubilada: "Fas de psicólogo, de pano de bágoas e do que xurda"

Toda unha vida dedicada ao ensino, cos últimos anos previos a unha xubilación centrados na atención educativa de nenos, a maior parte "con enfermidades complicadas", no seu domicilio. É a historia de Elena Gómez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Elena Gómez leva toda unha vida dedicada ao ensino, cos últimos anos previos a unha xubilación aínda recente centrados na atención educativa de nenos, a maior parte "con enfermidades complicadas", no seu domicilio. Ela non só non se arrepinte de participar no desenvolvemento desta modalidade educativa en Galicia, senón que o ve unha experiencia fundamental na súa vida profesional e persoal.

Elena Gómez, profesora a domicilio jubilada
Elena Gómez, profesora a domicilio jubilada | Fonte: Europa Press

Unha experiencia na que ten moi claro que a parte académica non é a máis importante, senón atender aos nenos, "que son o futuro", e ás necesidades das familias. Por iso, ao longo de anos de traballo, fixo "de psicólogo, de asistente social, de pano de bágoas" e do que "faga falta".

Con moitas horas de traballo ás súas costas na zona da Coruña e unha vida 'ambulante' de casa en casa --"é imprescindible ter coche", subliña--, Elena Gómez ten múltiples experiencias e cada neno co que traballou deixoulle "pegada" á súa maneira. Coas súas dificultades e os seus logros, nada lle proporciona máis alegría que cando recibe unha mensaxe con boas novas dun ex-alumno. Algún mesmo está na universidade.

E é que, segundo esta mestra, os profesores 'a domicilio' convértense dalgún xeito en "mediadores" para que o neno se manteña en contacto co seu centro educativo, e se contan coa colaboración das familias e do colexio "saen adiante e non perden nada" academicamente. "Iso é o que máis sastiface", remarcou.

Atendeu a distintos menores nas súas casas, cada un cunha situación distinta e, case sempre, con enfermidades "moi duras". Casos de oncoloxía, por exemplo, nos que se fai necesario ensamblar a educación a domicilio e a que se imparte no hospital. Para atendelos, Elena Gómez considera necesario que os docentes teñan "unhas características especiais". Despois, toca organizarse.

"EN CONTACTO CO CENTRO"

"Eu tiña unha área ampla (na provincia da Coruña) e tentaba organizar un chisquiño na casa dun e outro na casa doutro; é difícil levar un ensino regulado, unha programación. Máis ben o obxectivo é que o neno se manteña en contacto co centro a través de ti. Así, ti vas todas as semanas ao centro, ves se hai opcións de que poida ver aos compañeiros, acompáñalo...", rememorou.

Tentar "normalizar" unha situación que, en si mesma, non o é, do mesmo xeito que ocorre coas clases no hospital, convértese na meta diaria. Por iso, Elena Gómez relata que "a parte académica é "a menos importante". "O que realmente ten importancia é que o neno estea feliz e a familia contenta. Así que fas de psicólogo, de asistente social, de pano de bágoas e do que xurda", resume.

Temas: EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta