O plan forestal prevé aumentar 6 millóns de toneladas anuais a fixación de carbono dos montes

A Xunta subliña que a madeira é un "produto de comportamento ambiental superior" porque actúa como "almacén de carbono"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2017 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O plan forestal de Galicia prevé que cada ano os montes galegos incrementen en 6 millóns de toneladas a cantidade de carbono absorbido, unha capacidade dos bosques que a Xunta erixe en "fundamental" para "a mitigación do cambio climático e no desenvolvemento de enerxías renovables". Segundo datos do cuarto inventario forestal nacional do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio, os montes galegos fixaron máis de 93 millóns de toneladas de carbono en 2017.

Bosque
Bosque | Fonte: Europa Press

A Xunta explicou que os "importantes cambios" nas temperaturas, as precipitacións e os fenómenos climáticos extremos --cuestións "intimamente ligadas ao cambio climático"--, afectan "ineludiblemente" a extensión e a composición dos bosques.

Neste sentido, os montes "constitúen unha reserva indiscutible de carbono" que é "necesario conservar para mitigar os efectos do cambio climático", subliña. Así, o Goberno galego ve "crucial" a xestión dos bosques para a mellora da súa adaptación a este fenómeno.

Estas consideracións plásmanse, segundo a Xunta, no documento do plan forestal, que se atopa na fase final de elaboración e que recolle o establecido polas comunidades internacionais sobre cambio climático.

Neste contexto, a Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático determina que os países "deben impulsar a xestión sustentable dos bosques e promover e apoiar a conservación e o reforzo dos sumidoiros" que supoñen a biomasa e os bosques.

PRODUTOS MADEIREIROS

Ademais disto, o plan forestal lembra que os produtos de madeira son un "importante almacén de carbono", cuxo uso permite aforrar emisións de dióxido de carbono, de modo que colabora na mitigación do cambio climático.

"O carbono fixado polas árbores durante o seu ciclo de vida mantense almacenado nos produtos madeireiros durante toda a súa vida útil, podendo ser reempregados e reciclados", resalta a Xunta. Isto mellora "de forma significativa" o aforro das emisións á atmosfera.

O Executivo autonómico valora así a madeira como o "único material capaz de reducir as emisións de carbono á atmosfera e actuar como sumidoiro ao mesmo tempo", o que a converte nun produto "de comportamento ambiental superior a outros materiais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Aos forestalistas do PP cando lles interesa falar do eucalipto como produción de madeira falan das masas desta árbore como "cultivos forestais" e cando lles interesa falar de cambio climático falan dos eucaliptais como "bosques". E pensan que os demáis tragamos. Qué tan bu-rros son... Pero Tomás, aínda estás aí? Colle unhas vacacións, fai favor