Temas: AVE OURENSE LAZA CIG

As obras do AVE, un longo ronsel de accidentes mortais

A construcción da alta velocidade en Galicia rexistra ata sete falecidos e múltiples accidentes en apenas unha década, o que levou á CIG a presentar unha denuncia penal nos xulgados de Verín contra Xunta e Goberno central por prevaricación e delitos contra os traballadores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai unha semana, seis obreiros foron evacuados por mor dun incendio nas obras do túnel do AVE en Laza. Era o terceiro accidente grave en apenas mes e medio no mesmo concello ourensán nas obras da alta velocidade. Tan só vinte días antes, o 30 de novembro, un condutor de tractor resultou ferido grave e o 6 de novembro, un operario de 35 anos morreu no interior do mesmo túnel, o do Corno, en Laza.

Un viaducto do AVE no Carballiño caeu no 2007 sobre os traballadores.
Un viaducto do AVE no Carballiño caeu no 2007 sobre os traballadores. | Fonte: cig.gal

Foron os últimos sucesos dun longo ronsel de graves accidentes na construcción da alta velocidade en Galicia, tanto no Eixe Atlántico como sobre todo na conexión entre Santiago e a Meseta por Ourense. Dende a CIG lembran que nas obras de construción do AVE na provincia ourensá producíronse nos últimos catro anos e medio ata catro falecementos, aos que habería que añadir o primeiro accidente mortal, en setembro do 2007 no Carballiño, cando se veu abaixo un viaducto. Ademáis, na liña do Eixe Atlántico, faleceron dous traballadores en Cerceda (2007) e Arcade (2009).

A CIG ven de presentar unha denuncia penal no Xulgado de Instrución de Verín contra o Ministerio de Emprego e a Consellaría de Economía, Emprego e Industria por prevaricación e delitos contra os dereitos dos traballadores polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes ocorridos nas obras do AVE, neste caso dende 2013.

O sindicato nacionalista asegura estar “farto de acudir a organismos que se pasan a pelota duns a outros” sen resultado, polo que reclaman a apertura de investigacións penais contra os responsábeis do que poderían constituír varios delitos contra a seguridade dos traballadores e prevaricación administrativa.

As denuncias administrativas por parte da CIG, tanto ante a Inspección de Traballo (ITSS) como da Subdelegación do Goberno en Ourense, veñen de lonxe, “sen obter máis resultados que promesas de analizar a sinistralidade na zona e mesmo declaracións de incompetencia, por parte da ITSS, para poder acceder aos túneles do AVE”.

Segundo a CIG, nas obras da alta velocidade en Ourense, a concentración de accidentes de traballo, mesmo mortais, é de tal magnitude que revela “no só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto, tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos traballadores por parte das empresas adxudicatarias das obras e das Administracións públicas concedentes, como na responsabilidade in vigilando da esixencia dese cumprimento por parte dos órganos gobernamentais de inspección e seguridade no traballo da Consellaría de Economía da Xunta e do Ministerio de Emprego”.

O sindicato CIG realizou unha listaxe cos accidentes graves ocorridos na provincia de Ourense dende abril do 2013:

- Un enxeñeiro de 37 anos morreu atropelado nun dos túneles do AVE no concello de Vilar de Barrio (2 de abril do 2013).
- Un traballador de 42 anos morreu ao caer dunha pá excavadora nas obras do AVE no treito entra A Gudiña e Vilariño de Conso (17 de xuño do 2014).
- Un incendio no túnel do Corno (Vilar de Barrio), producido ao pé dun depósito de explosivos, provocou a intoxicación e evacuación de 13 traballadores (5 de agosto do 2014).
- Un traballador de 31 anos morreu e outro ficou ferido grave ao caer dende un canastro de traballo nas obras do AVE do treito Prado-Cerdedelo (15 de setembro do 2015).
- Un operario sufriu a amputación dunha man nas obras do túnel do AVE no treito de Cerdedelo, séndolle reimprantada no hospital Povisa de Vigo (23 de marzo do 2016).
- Un operario de 35 anos morreu no interior do túnel do Corno en Laza (6 de novembro do 2017).
- Un condutor de tractor resultou ferido grave nas obras do AVE en Laza (30-novembro-2017).
- Seis obreiros foron evacuados dun incendio nas obras do túnel do AVE en Laza (19 de decembro do 2017).

Temas: AVE OURENSE LAZA CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 ambulancio

si lembro que nese accidente estiven eu, e a ambulancia foi polas seis e media da maña e trasladamos dos accidentados o hospital o Carmen de Ourense... as urxencias do chuo recolleron os casos mais graves... foi todo maravilloso, foron os bos tempos!

2 luis ferrolan do pisco

Cando as infraestructuras son comedeiras para caciques et corruptos ,pasa o que pasa.

1 Fiolo

Normal. Cuando los de la Administracion van por las obras básicamente inspeccionan los restaurantes y clubes de la zona