Unha Xunta a medio gas

O PSdeG denuncia que o Goberno galego non presentou "nin o 50%" das leis e normas previstas para 2017. Villoslada critica "o claro incumprimento" e ve a Feijóo pensando "en cuestións que non están na axenda diaria de Galicia".

Por E.P. | Compostela | 26/12/2017 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O deputado do PSdeG, Juan Díaz Villoslada, denunciou o "claro incumprimento" do plan normativo aprobado pola Xunta para o 2017, ao finalizar este exercicio sen presentar "nin o 50%" das leis, decretos e normas previstas no documento.

O deputado do PSdeG, Juan Díaz Villoslada.
O deputado do PSdeG, Juan Díaz Villoslada. | Fonte: Europa Press

Aprobado no mes de maio en Consello da Xunta, o plan normativo incluía toda a previsión de normas para este ano, entre elas 11 leis, 69 decretos e 25 ordes. A escasos días para concluír este exercicio, Villoslada criticou o "pobre" balance de execución do documento, tras non alcanzar nin á metade das previsións lexislativas para 2017.

En rolda de prensa, o deputado socialista ironizou sobre se este resultado representa "unha mostra de incapacidade lexislativa" ou da "desidia" do Executivo galego, criticando que seis das 11 leis previstas para este ano "nin sequera están presentadas para o seu debate" na Cámara galega. Entre elas atópanse algunhas "de importancia considerable", advertiu, relativas a cuestións de patrimonio e patrimonio natural, ou en materia de emprego.

En contraposición, criticou que se someta ao Parlamento a unha "tensión" a través da lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que implicou a modificación "sen debate" de 20 textos lexislativos e "pola porta de atrás" e aplicando o 'rodillo' para aprobar a lei de orzamentos. "Unha forma de lexislar que baleira de contido á actividade lexislativa do Parlamento", reprochou.

DESGASTE DE FEIJÓO

Así mesmo, dun total de 68, non se presentaron 34 decretos, entre eles un paquete normativo relativo a deporte de alto nivel, dopaxe, calidade de servizos públicos ou relacionados con transporte de viaxeiros.

Villoslada lamentou, ademais, o estado do portal de Transparencia da Xunta, "difícil de seguir" para os cidadáns e que conta "unicamente" con tres normas en fase de tramitación. "Clara falta de transparencia e escurantismo", sinalou.

Finalmente, preguntado sobre se percibe esta situación como unha mostra do desgaste do goberno de Alberto Núñez Feijóo, o deputado socialista cre que "pode dar a impresión" que, tras dous mandatos, o presidente poida estar "a pensar en cuestións que non están na axenda diaria de Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pchin

Que ideas van apresentar se non as teñen.

1 anonimo

Tampouco son os únicos.