Compostela 'convida' a Rajoy

O presidente do Goberno central inaugura o sábado as obras de ampliación da ponte de Rande e o concello compostelán agarda que visite Santiago para facerlle chegar unha reivindicación histórica: máis “implicación” coa cidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2017 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

Como é habitual por estas datas, Mariano Rajoy, presidente do Goberno, viaxará a Galicia esta fin de semana, onde ten previsto pasar uns días na súa terra natal. Aproveitando a súa estancia no país, está previsto que Rajoy inaugure o sábado pola mañá as obras de ampliación da ponte de Rande na AP-9, aínda sen coñecerse o intre no que se fará efectiva a suba total da peaxe tralas melloras. O vindeiro luns, 1 de xaneiro, si subirá un 1,9% en consonancia co cálculo do IPC feito polo Goberno central.

Rajoy comparece en Moncloa tras el Consejo de Ministros
Rajoy comparece en Moncloa tras el Consejo de Ministros

Noutras ocasións, o presidente do Goberno pasou na súa terra a festividade de Aninovo e quedou até o 5 de xaneiro, xa que ao día seguinte ten que presidir a Pascua Militar en Madrid. Antes de viaxar a Galicia para inaugurar a ampliación de Rande, na axenda do presidente do Goberno está previsto que o venres 29 faga balance do ano nunha comparecencia no Palacio da Moncloa.

Malia a visita, non semella que Compostela estea na axenda do xefe do Executivo central. Aínda así, o concelleiro compostelán de Urbanismo, Jorge Duarte, agarda que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, se “pase” pola capital galega se ven a Galicia a inaugurar a ampliación da AP-9. As obras de mellora afectaron á ponte de Rande, pero tamén á circunvalación da autopìsta en Santiago, un tramo de balde.

POLÉMICA CON FOMENTO

A preguntas dos medios, Duarte manifestou que esperan que "se ven a Galicia, pase por Santiago e convide (ao Goberno local) a esa inauguración". "Xa sabedes que nós nos decatamos tarde destas noticias, porque parece ser que o Ministerio de Fomento non acaba de entender moi ben o da lealdade institucional", manifestou.

A pasada semana, o ministro de Fomento, Íñigo da Senra, acudiu a Galicia para presentar a estación intermodal de Santiago e non foi ata última hora que o alcalde da cidade, Martiño Noriega, foi convidadao a participar no acto, após unha protesta do propio rexedor ante o delegado do Goberno en Galicia.

"Agardamos que se ven, pase por Santiago e nos convide a esa inauguración. Iso si, temos unha demanda histórica moi clara, de implicación. Entón, se ven facer unha inauguración en Rande, entendemos que tamén debería estar na cidade de Santiago", expuxo Duarte.

O Goberno local de Santiago chama “á implicación de todas as administracións” para lograr a demanda que se lle fai dende varios sectores, como é a ligazón orbital das zonas empresariais do norte da cidade coa autoestrada AP-9 e coa autovía que vai ao aeroporto de Lavacolla.

A INAUGURACIÓN DA AP-9

A vindeira inauguración das obras da AP-9 ven marcada pola polémica derivada da suba de case un 4% nas tarifas, aínda que o ministro de Fomento, Íñigo da Senra, aclarou a semana pasada que a 1 de xaneiro só se poderá incrementar un 1,9% correspondente ao IPC. Parte do incremento (o que non está vinculado ao IPC) está condicionado á finalización dos traballos. En concreto, trátase dun 1% polo custo das obras e un 0,9% pola bonificación aos usuarios da autoestrada no tramo Vigo-Pontevedra (con telepeaxe e para traxectos de ida e volta durante os días laborables).

Na súa viaxe a Galicia do pasado mércores, o ministro de Fomento ratificou que a ampliación da ponte abriríase "en poucos días", condición sine qua non para que a concesionaria, Audasa, poida aplicar a suba completa da peaxe. No entanto, o titular de Fomento aclarou tamén que, aínda que a obra estea aberta, non poderá aplicar a suba correspondente a estes dous conceptos ata que o Consello de Ministros poña en marcha a obra como tal, para o que é preciso en principio tramitar un real decreto que tardará uns meses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta