Lavado de cara á Casa de Rosalía

A Xunta destina 120.000 euros para uns arranxos que estarán finalizados o 24 de febreiro, Día de Rosalía.

Por Galicia Confidencial | Padrón | 27/12/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Casa de Rosalía estará en obras ata febreiro. Uns arranxos que comezaron en novembro e que supoñen o investimento de 120.000 euros por parte da Xunta. O obxectivo é rematar antes do 24 de febreiro, Día de Rosalía, data de nacemento da autora. 

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na Casa de Rosalía
O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na Casa de Rosalía | Fonte: Fundación Rosalía de Castro

A intervención que se está a realizar suporá a rehabilitación xeral da envolvente completa dos edificios anexos na traseira da Casa Museo Rosalía que supoñen o reacondicionamento da envolvente exterior (cubertas e carpinterías exteriores, canalóns e baixantes), do corpo de aseos, oficinas, arquivo, antiga casa Maruxa Villanueva e o edificio do auditorio.

Tamén se reformará a planta baixa da antiga Casa Maruxa Villanueva para dar acubillo ás novas oficinas da Fundación Rosalía; e haberá unha rehabilitación integral dos antigos aseos abandonados como aseo accesible para persoas con mobilidade reducida.

E para ver a marcha das obras, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitaron a casa da poeta e a reforma dos edificios anexos á Casa da Matanza. E alí foron recibidos polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, ademais do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta