Ofensiva contra o "saqueo" das peaxes da AP-9

O BNG presenta en Pontevedra un manifesto para reclamar a transferencia a Galicia da autoestrada e a supresión progresiva das tarifas. "É un atraco que non podemos tolerar", sostén Ana Pontón, que ve a Núñez Feijóo como "principal cómplice e defensor".

Por E.P. | Pontevedra | 27/12/2017 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou en Pontevedra no acto organizado pola formación nacionalista contra a suba das peaxes na autoestrada AP-9, ao que asistiron representantes municipais do Bloque das comarcas de Pontevedra e A Coruña e membros das deputacións de ambas as provincias, afectadas por este "auténtico saqueo" á economía de Galicia.

Ana Pontón en Pontevedra
Ana Pontón en Pontevedra | Fonte: Europa Press

Ana Pontón advertiu de que o Bloque Nacionalista Galego non aceptará "resignadamente" que os galegos sigan sufrindo o "espolio" que supoñen unhas peaxes "abusivas", polo que os nacionalistas pon en marcha unha campaña institucional para pór fin a esta situación.

A reunión celebrada no centro social de O Gorgullón é un dos primeiros pasos nesta estratexia. O encontro serviu para acordar un manifesto que solicita a transferencia da AP-9 a Galicia e a supresión progresiva das peaxes, un tema "primordial", segundo sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que instou ao BNG a ser "contundente" contra este "abuso".

O rexedor avisou de que "se non se toman medidas" contra este "agravio comparativo" co resto do Estado, esta "auténtica sangría" que padecen os galegos continuará até 2048, data na que conclúe a concesión de Audasa.

Na súa intervención no acto, Ana Pontón sinalou que a xestión que fai o Goberno central con respecto á AP-9 trata "descaradamente" de "beneficiar" á concesionaria para que obteña máis beneficios. "É un atraco que non podemos tolerar", a xuízo da portavoz do BNG, no que "no canto de pistola" está "o BOE funcionando ao servizo de Audasa".

Pontón esixiu un "xiro de 180 graos" na xestión da AP-9 e reclamou a paralización "absolutamente imprescindible" do "agasallo" que os gobernos do Estado e a Xunta deixan a Galicia este Nadal coa subida do 4% nas peaxes para o próximo exercicio.

A líder do BNG reclamou para Galicia descontos "similares" aos doutras autoestradas españolas e que o Goberno "levante o veto" á transferencia da AP-9 antes de "abrir o debate" sobre o rescate desta autoestrada privatizada coa que multinacional Audasa "faise de ouro" á conta da "necesidade" que teñen os galegos de viaxar polo seu país.

"RESPONSABLES POLÍTICOS"

O BNG ve "responsables políticos" nesta situación e entre estes inclúe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que ve como o "principal cómplice e defensor", xa que "sen a súa complicidade nada disto pasaría".

A portavoz nacional do BNG intúe que as "portas giratorias" volverán funcionar e acabaranse vendo "xubilacións douradas" de cargos do PP no consello de administración de Audasa "para pagar estes favores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Pardao

Non sei a qué se refiren a ser contundente con este asunto. Desde logo que os manifestos por moi boa intención que teñan, non sirven para nada.

1 Celia

Vese nitidamente quen está á prol dos intereses do Pais. Só o BNG é quen de poñer toda á súa organización para defender os nosos petos. Adiante BNG!!!! Adiante Ana!!!

1 remandonamesmadirección

O súa organización e os seus cartos, xa que moitos informes e reclamacións xurídicas que chegan as veces a institucións europeas para defender os intereses d@s galeg@s custan milleiros de euros que saen do petos dos militantes.