Comisión de incendios, nin Feijóo, nin Rueda, nin Beatriz Mato

A comisión parlamentaria sobre a vaga de lumes terá case 70 comparecentes pero tan só un conselleiro. A oposición critica que o plan de traballo queda "coxo" mentres o PP replica que só se busca "darlle" á Xunta.

Por E.P. | Compostela | 27/12/2017 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A comisión parlamentaria de estudo sobre incendios terá preto de 70 comparecentes, entre os que só haberá un membro do Executivo galego, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. En troques, non contará nin co presidente nin co vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, nin coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

Comisión de incendios no Parlamento galego
Comisión de incendios no Parlamento galego | Fonte: Europa Press

Nunha accidentada comisión para aprobar o plan de traballo, que se tivo que suspender até en dúas ocasións --unha durante máis dunha hora para negociar entre os grupos e outra para aclarar como realizar a votación-- o grupo maioritario, o PP, accedeu a incorporar algunhas propostas da oposición. Así, elévanse as comparecencias até case 70 e os informes a 44 (a proposta dos populares partía de 38 comparecentes e 28 informes).

Entre os comparecentes propostos pola oposición, que si acepta o PP, súmanse, entre outros, o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz; a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; e o experto Edelmiro López Iglesias, que foi director xeral de Desenvolvemento Rural co bipartito. En cambio, non acudirán Núñez Feijóo nin Rueda nin a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, tal e como reclamaban PSdeG e BNG. Tamén bota en falta En Marea algúns perfís técnicos que pedía.

O PP sacou adiante en solitario o plan de traballo desta comisión creada após a vaga de lumes de outubro que arrasou unhas 49.000 hectáreas en Galicia e na que faleceron catro persoas. Xunto a isto, os populares aceptan máis dunha trintena de informes que demandaba a oposición (serán 44 en total) sobre cuestións como: a investigación sobre incendiarios e detencións desde 2006; as perdas provocadas polos lumes; as medidas contra a erosión; as axudas públicas para rozas e devasas; os medios de loita contra o lume operativos en 2017; o impacto paisaxístico ou a incidencia do cambio climático. Tamén se abordará o plan forestal.

COMISIÓN "COXA" POLAS AUSENCIAS

O primeiro en intervir foi Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), que criticou que ás comparecencias "fáltanlle máis de dúas patas", pois "debe estar o presidente da Xunta" e "o vicepresidente", nunha lista na que "faltan nomes", o que ve "inxustificable".

A continuación, José Quiroga (PSdeG) expuxo que, aínda que "nunca" se chegue a "un punto de estar a gusto todos os grupos", observa "taras" como a falta de Feijóo e os conselleiros de Medio Ambiente e Vicepresidencia, de forma que o plan de traballo queda "coxo".

Posteriormente, o voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou aos populares de "devaluar" a presenza da Xunta na comisión "até extremos que non parecen xustificables". Tamén se queixou da falta de membros do ámbito xudicial, xa que o PP defende "a tese" de que a vaga de lumes se trata de "terrorismo incendiario" e cre necesario "contrastar se é así ou non".

Pola súa banda, Luís Villares (En Marea) reprochou "numerosas deficiencias" en informes e comparecencias, á vez que bota en falta participación cidadá. Aquí, queixouse de que os populares non aceptasen os seus "perfís técnicos" propostos, após non pedir a comparecencia de ningún membro do Goberno de Feijóo.

A POSTURA DO PP

En contraposición, José González (PPdeG) queixouse de que "o único punto de discrepancia é o vicepresidente", polo que reta á oposición a que diga se o seu fin nesta comisión "é darlle aos membros do goberno". A En Marea pediulle explicacións por non apoiar o plan de traballo, ao ter incorporado a maioría de expertos que propuña. Finalmente, o deputado popular valorou que esta comisión de estudo sobre os lumes terá "máis comparecencias e informes que a de 2006", así como "máis a petición da oposición".

LISTA DE COMPARECENTES

Entre todos os grupos propúñanse 169 intervencións e finalmente serán preto de 70. A lista de comparecentes está formada pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; os directores xerais de Desenvolvemento Rural, Patrimonio Natural e Emerxencias e Interior. Tamén o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, e o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz.

Os alcaldes que estarán son dos municipios de: Ribeira, Folgoso do Courel, Oímbra, Soutomaior, Nigrán, As Neves, Carballeda de Avia e Cervantes.

A lista continúa co director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; o director da Rede de Parques Naturais de Galicia; ou axente forestal Manuel Gómez Trabada. Haberá expertos como o catedrático de Dereito Civil da UDC, José Manuel Busto; o catedrático de Silvicultura da USC, Roque Rodríguez Soalleiro; o profesor da USC Agustín Merino García; o catedrático de Produción Vexetal Antonio Rigueiro e un representante do grupo de profesores universitarios asinantes do manifesto Por unha nova política para o rural galego.

A lista de expertos prosegue cos profesores universitarios Rubén Lois, Edelmiro López Iglesias, Augusto Pérez Alberti e Alberto Martí Ezpeleta. Tamén haberá membros do Foro Económico de Galicia e o Grupo Colmeiro, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Nótase que Feijoo non considera o tema dos incendios asunto de interese. Nada novo

1 rueda valencia da a cara

pero como vai ir o rueda valenciaga a explicar o dos lunes con que cara pode explicar o churrasco forestal e a xente queimada viva na fogueira, xente tentando salvar un-has churras ou un-has galiñas, namentras non apareción os chamados "medios da xunta" por ningures, desde a asociación legalizada o amparo das leixes "o toxal" co numero de expediente 290021492835101-D, xa dixemos da falta de sensibilidade, da falta de cooperación dos altos membros da untada da malicia que protagonizaron o triste suceso incendiario, en especial rueda valenciaga, namentras ducias de milleiros de toxos, os nosos picudiños señores ardían na brasa pura ¿onde estaba o ínclito? estaba acaso na casa? ¿estaba traballando co xefe de sala do 1-1-2? ¿por que non mandaron a supermangueira "frijoles" a apagar as zonas da alfandega portuguesa afectadas? ¿Qué pasaba no concello dos bigardos onde ardían as xardinerias? ¿por que os alcaldes estaban sin o teléfono do 1-1-2?