Pontevedra, capital da maxia

A cidade acolle a segunda edición do festival internacional «Galicia Magic Fest».

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 27/12/2017 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

A maxia volve a Pontevedra na segunda edición do festival «Galicia Magic Fest» tras o éxito do ano pasado. Un evento que terá lugar no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra este xoves con dúas sesións, ás 18.30 e ás 21.00 horas e que traerá a profesionais da maxia de Rusia, EE.UU., Arxentina e España.

Participantes na anterior edición do Galician Magic Fest
Participantes na anterior edición do Galician Magic Fest | Fonte: Afundación

O mago galego Pedro Volta dirixe e presenta esta segunda edición, un encontro internacional de ilusionistas que contará con algunhas das mellores magas e magos da actualidade.  Así, desde Los Ángeles chega Tina Lenert, unha das magas máis prestixiosas internacionalmente. O seu número de maxia percorreu os cinco continentes e apareceu en centos de programas de televisión de todo o mundo.

Desde Rusia chega a Galicia o Dúo Kibalyon, conformado por Inna Rudova e Guillermo Neumaye, especialistas en cambios de vestiario sorprendentes e ultrarrápidos. Percorreron festivais de todo o mundo e participaron en programas televisivos como Got Talent ou Le plus cabaret du monde en París.

O mago arxentino Henry Evans tamén participará neste festival. É un referente dentro do sector do ilusionismo. Recibiu en 1995 a distinción de Mago do ano da Entidade Máxica Arxentina, e no ano 2000 acadou en Lisboa o Primeiro Premio de Cartomaxia do Campionato Mundial de Maxia. 

Outro ilusionista participante será FISM, socio de honra da convención das catro FFFF. Desde 2010 é un habitual como xurado internacional en diversas competicións e actúa habitualmente no Castelo Máxico de Hollywood.

Finalmente, o mago español Arkadio tamén ofrecerá os seus trucos de maxia nesta cita. Recentemente chegado da House of Magic en Macao e do Castelo Máxico de Hollywood, presentará agora en Galiciao seu último espectáculo de grandes ilusións. Recibiu o coñecido como Oscar da maxia, o Mandrake d’ Or, e a Variña de Ouro de Montecarlo entre outros premios. As entradas para asistir están dispoñibles na web Ataquilla. com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta