En Marea denuncia os “colapsos” de Urxencias e critica "a falta de previsión da Xunta un ano máis"

“Reiteramos unha vez máis a necesidade de implementar maiores recursos de persoal e que se reabran todas as camas pechadas”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/12/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os colapsos en urxencias hospitalarias dos últimos días chegaron xa ao Parlamento galego. A voceira de Sanidade de En Marea no Parlamento de Galicia, Eva Solla, denunciou esta situación, tal e como veñen manifestando dende a Asociación de pacientes do CHUS, que difundiu imaxes nas que se poden ver numerosos pacientes en cadeiras de rodas nos corredores.

Colapso nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro
Colapso nas urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro | Fonte: Galiza Ambulancia Twitter

“A Xunta de Galicia segue facendo caso omiso ás advertencias que levamos feito dende hai moito tempo de que a situación das Urxencias deben preverse con tempo suficiente”, sinalou Solla, que lembrou que En Marea rexistrou preguntas e iniciativas encamiñadas a resolver esta situación , “ademais de dar este debate no Parlamento a semana pasada”.

No caso da área sanitaria de Vigo, Eva Solla lembrou a situación pola que atravesa o Hospital Álvaro Cunqueiro dende a súa inauguración, “pola chapuza que supuxo a redución do espazo destinado ás Urxencias nun 50%, ademais das carencias de persoal tanto nese servizo como nas diferentes plantas de hospitalización, con numerosas camas pechadas no hospital do Meixoeiro para as que reiteramos a súa inmediata reapertura”.

A través dun comunicado, Eva Solla advirte que a situación é previsible que empeore nas vindeiras semanas, cando se incrementen as asistencias debidas a problemas respiratorios. “Porén, segue sen haber ningunha medida de reforzo”, denuncia a parlamentaria. “Reiteramos unha vez máis a necesidade de implementar maiores recursos de persoal e que se reabran todas as camas pechadas”, reivindica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta