O téxtil, un 6,1% do PIB galego

O sector do téxtil, a confección e o calzado xera 36.162 empregos no país e 3.481 millóns do PIB galego, aínda que un 85% corresponde á parte comercial e tan só un 15% á parte industrial, que vai perdendo peso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2017 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O sector do téxtil, a confección e o calzado achegou no ano 2015 o 6,1% do produto interior bruto (PIB) da economía galega, o que se traduce en 3.481 millóns de euros. Os postos de traballo ascenderon a 36.162, o que supón un 3,3% do emprego total.

Rebaixa, rebaixas, consumo, prezo, prezos, IPC, roupa
Rebaixa, rebaixas, consumo, prezo, prezos, IPC, roupa | Fonte: Europa Press

Do 6,1% que o sector supón para o PIB galego, o maior peso correspóndese coa parte comercial (5,2%), mentres a parte industrial achega un 0,9%. En termos de emprego, dentro do 3,3% que supón, os postos de traballo do comercio representan o 2,1% e a parte industrial, un 1,2%. Así o reflicte un estudo sobre esta actividade realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e publicado este xoves, que aborda as dúas ramas de actividade que conforman o sector industrial e establece unha comparativa do subsector comercial dedicado ao téxtil, á confección e ao calzado co total do sector comercial galego.

Nas súas conclusións, o IGE constata que este sector ten "unha relevancia crecente" na economía galega e que, na súa composición destacan as actividades comerciais, que tiveron un crecemento moi forte nos últimos anos: o 85% do valor engadido bruto do sector provén da parte comercial.

A evolución do sector evidencia unha transformación nel cara ás actividades comerciais, en detrimento da parte industrial, que vai perdendo peso ao longo dos anos que son obxecto de análise do documento -entre 2000 e 2015-.

Unha das características do sector que subliña o informe do centro estatístico é "a elevada produtividade do factor traballo", que tamén é maior no subsector comercial, no que se produciu un importante crecemento, aínda que tamén aumentou no subsector industrial, onde logrou baixar o diferencial que tiña con respecto ao total da economía.

Igualmente, ratifica que a evolución da produtividade non se viu acompañada dun crecemento da remuneración do traballo "da mesma magnitude", o que supón que, como resultado, a cota do excedente de explotación no valor engadido xerado aumentou "de forma considerable, especialmente nos últimos anos de estudo".

EMPRESAS E ACHEGA ESTATAL

En 2015, de cando datan os últimos datos dispoñibles, segundo ratifica a Consellería de Facenda, había en Galicia 1.372 empresas que operaban no subsector industrial. Delas, 325 tiñan como principal actividade a industria téxtil, e a maior parte contaba cun número de traballadores inferior a dez.

As 1.047 empresas restantes estaban dedicadas á confección de roupa de vestir e á industria de coiro e calzado, e eran, na súa maioría, de reducida dimensión.

Galicia achega 9,4 de cada 100 unidades de valor engadido xerado pola industria téxtil, confección e calzado española. Desde 2000 a cota galega na industria estatal increméntase: pasa do 5,4% a este 9,4%.

Este incremento susténtase nunha maior produtividade do traballo. No entanto, o diferencial existente en termos de produtividade non se produce en termos de remuneración do traballo. Como resultado, constátase unha achega das rendas do capital no valor engadido superior en Galicia que en España.

COMARCAS E PERDAS DE EMPREGO

Nas comarcas de Bergantiños, Ordes e Ourense, o subsector industrial representa máis do 2% do PIB. Ademais, existen cinco concellos nos que, cando menos o 30% dos afiliados do sector industrial pertence ao subsector do téxtil, da confección e do calzado: Arzúa, Moraña, Ordes, Cabana de Bergantiños e Arteixo.

Os datos do IGE ratifican que o subsector industrial irá perdendo peso no PIB das economías da contorna. Tanto no conxunto da UE como en España, a achega do subsector é do 0,5%. Portugal, país no que representa o 2,2%, é o país da UE en que esta industria ten unha maior presenza no PIB.

En Galicia, cunha achega do 0,9%, o IGE incide en que o sector consegue manter unha porcentaxe sobre o PIB elevada, fundamentalmente grazas a incrementos de produtividade que compensaron "as perdas de emprego, moi importantes" nos anos analizados. "A produtividade do traballo neste subsector é moi superior en Galicia con respecto a á media europea", ratifica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta