Un Cunqueiro para o seu hospital

A familia de Álvaro Cunqueiro doa un retrato do escritor mindoniense ao hospital vigués para agradecer que leve o seu nome e a atención recibida na súa última enfermidade. O cadro, até o momento no domicilio familiar, será exposto na entrada principal do centro.

Por E.P. | VIGO | 28/12/2017 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A familia de Álvaro Cunqueiro doa ao hospital vigués que leva o nome do escritor unha obra en óleo na que sae representado, asinada na década dos 50 polo artista valenciano Néstor Casani; un retrato que até o momento atopábase no domicilio familiar e que agora será exposto na entrada principal do hospital.

A familia de Cunqueiro doa un retrato seu ao HAC
A familia de Cunqueiro doa un retrato seu ao HAC | Fonte: Europa Press

O seu fillo César Cunqueiro fixo a entrega este xoves nun acto no que manifestou que con esta doazón a familia quere expresar a súa "gratitude por que o novo hospital público de Vigo leve o nome" do seu pai, "así como agradecer tamén o labor dos profesionais sanitarios que lle atenderon no último proceso da súa enfermidade", até o seu falecemento no Hospital Xeral.

Neste marco, lembrou a "especial vinculación" do seu pai coa profesión sanitaria, ao ser fillo de boticario e amigo de médicos, e ao escribir o libro Faladoiros de boticas prodixiosas e escola de curandeiros.

O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, Félix Rubial, que remarcou que este agasallo é "moi especial", destacou o "gran orgullo de traballar nun centro como este, portador do nome dun dos principais escritores galegos do século XX e un dos personaxes que máis contribuíu a mellorar Vigo como centro de desenvolvemento cultural e social".

"O nome deste hospital é garantía de que perdurará sempre, porque a obra de Álvaro Cunqueiro é atemporal e ligada ao coñecemento, á cultura e á excelencia. Mil primaveras para o novo hospital público de Vigo", proclamou Rubial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta