O Goberno 'nini' de Feijóo

O BNG cre que o balance da Xunta no 2017 é o de "un Goberno nini", "nin AVE, nin proximidades, nin novo financiamento". Ana Pontón ve ademáis "unha democracia enferma e de baixa calidade" na actividade do Parlamento galego.

Por E.P. | Compostela | 28/12/2017 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, considerou que o balance da Xunta en 2017 é o de "un goberno nini" xa que a súa acción traduciuse en "un recortazo dos investimentos do Estado", "en atrasos na AVE", na "exclusión de Galicia do corredor atlántico de mercadorías" ou no "veto á transferencia da AP-9".

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Europa Press

"O 2017 é unha especie de ano nini, nin AVE, nin proximidades, nin novo modelo de financiamento nin nova tarifa eléctrica galega", lamentou a portavoz nacional do Bloque nunha rolda de prensa ofrecida este xoves.

Na súa intervención, Pontón cargou contra Alberto Núñez Feijóo, ao que definiu como un "presidente bonsái". "Está escondido detrás da súa maioría absoluta, incapaz de mirar aos ollos da xente que o está pasando mal e conducindo a Galicia a unha irrelevancia que teñen un alto custo en termo de perda de oportunidades", asegurou.

"En ningún dos grandes temas de país que podiamos expor como claves neste 2017 vimos avances, só retrocesos, vetos ou paralización", censurou Ana Pontón, que tamén criticou a falta de iniciativas da Xunta en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

"DEMOCRACIA ENFERMA"

Na rolda de prensa, a líder dos nacionalistas galegos tamén fixo un balance da actividade no Parlamento de Galicia, onde ve unha "democracia enferma e de baixa calidade". Así, acusou ao PP de converter a súa maioría en "unha apisoadora" contra "os dereitos dos grupos parlamentarios" e "contra o dereito da sociedade a expresarse" na Cámara.

"Vemos como o PP converte o Parlamento nun lugar no que facer oposición da oposición e cargar contra os gobernos municipais dos concellos que eles non gobernan", manifestou.

Ana Pontón puxo como exemplo da actitude do PP os vetos ás comparecencias na comisión de estudo sobre os incendios que, na súa opinión, "vai en camiño de converterse nunha comisión errada" que "non permitirá investigar nin analizar" cun "plan de traballo a medida do Partido Popular".

En fronte do PP Ana Pontón situou á súa formación, da que destacou que exerceu unha "oposición en clave de pías" e centrada na "defensa dos intereses de Galicia". Ademais, lembrou que, ao longo deste ano, o BNG defendeu 1.807 iniciativas no Parlamento con "propostas alternativas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta