GC Aberto

En Marea Macizo Central acusa á Consellería de Sanidade de mentir e xogar coa saúde da poboación da comarca

A Consellería de Sanidade ven de respostar a unha iniciativa formulada no parlamento no mes de novembro polos deputados de En Marea Davide Rodriguez, Paula Verao e Eva Solla sobre a situación de desatención sanitaria e de urxencia nos centros de saúde dos concellos do Macizo Central ante a pasividade da Xunta.

Por Trives | GC ABERTO | 29/12/2017

Comparte esta noticia

Integrantes de En Marea Macizo Central
Integrantes de En Marea Macizo Central

A aséptica resposta da Consellería non convence a En Marea Macizo Central, que sinala que Feijoo prometera que esta ía ser a lexislatura do rural e está sendo a lexislatura do despoboamento, do desmantelamento e do estrangulamento do medio rural:

No Macizo Central, un claro síntoma dese estrangulamento é o desmantelamento da atención sanitaria, como se pode ver nas eivas na atención nos centros de saúde ou nas urxencias, nomeadamente, as fins de semana ou os días festivos, situación derivada dos recortes levados a cabo polas políticas do Partido Popular.

Non é de recibo que coa dispersión xeográfica que caracteriza a esta comarca, e o envellecemento da poboación (moita da cal, ademais, vive soa) se reduzan servizos sanitarios de proximidade, polo que, por exemplo, dous concellos como A Veiga e O Bolo teñan que compartir un médico de garda cada fin de semana para atender as situacións de urxencia ou non dispoñan dos medios técnicos (ambulancias medicalizadas, etc.) precisos.  

Desde a Consellería de Sanidade aseguran que no concello de A Veiga o nº de tarxetas sanitarias é de 731 e no concello de O Bolo de 806, e que polo tanto, a dotación de recursos humanos en ambos concellos é dun médico, un enfermeiro e un PSX para atención ordinaria e fora da xornada ordinaria e dun médico e un enfermeiro de garda localizada para urxencias. Tamén indican que a distancia entre concellos non é excesiva, polo que aseguran que a atención sanitaria e de urxencias nos centros de saúde en ambos concellos é correcta, estando cubertas as necesidades asistenciais, empregándose os recursos de xeito eficiente.    

Por elo, desde En Marea Macizo Central aseguran que a Consellería de Sanidade minte e xoga coa saúde da poboación, ao abandonar o rural e basear as súas políticas exclusivamente en termos estatísticos e rendibles economicamente.

Moitas veces as gardas nos concellos que comenta a Consellería son realizadas por persoal do PAC de Viana e do Barco. Neste ámbito as distancias matan: un médico non pode atender tres concellos do Macizo Central (tendo en conta a extensión e distancia entre eles: en ocasións o tempo de reacción sobrepasa os 40 minutos) e prestar a debida asistencia, e isto non é responsabilidade do persoal médico.

O rural precisa recursos e garantías de atención, non mentiras, por iso, desde En Marea Macizo Central instan á Consellería de Sanidade a ter en conta e levar a cabo as propostas presentadas neste senso polos deputados, que son:

- A formación dun Grupo de Traballo para estudar as eivas na atención sanitaria de Ourense co obxectivo de paliar estas situacións de desatención, garantindo unha atención sanitaria pública, de calidade e proximidade, e uns tempos axeitados de resposta.

- A elaboración dun Plan Integral de Atención Sanitaria específico para as comarcas rurais galegas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta