O ingreso medio dos fogares galegos crece un 4% en 2016 e supera os 2.000 euros mensuais

Baixan os fogares que chegan con dificultade a fin de mes

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2017 | Actualizada ás 11:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O ingreso medio dos fogares galegos aumentou un 4% en 2016 até situarse nos 2.007 euros, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, a Enquisa Estrutural a Fogares, publicada este venres, sinala que esta é a primeira vez que se supera a barreira dos 2.000 euros desde 2009.

Por provincias, o avance lidérao Pontevedra (+5,52%), que se sitúa en 1.970 euros. A Coruña é onde máis se ingresa de media, con 2.095 euros (+2,9%). Ourense é onde menos diñeiro entra por fogar, 1.817 euros, pero rexistra o segundo maior incremento porcentual (+4,79%). Lugo conta cunha media de 2.000 euros en 2016 e unha alza do 3%.

Ademais, obsérvase unha mellora na situación económica doméstica, xa que os fogares que chegan con dificultade económica a fin de mes baixaron 3,2 puntos até quedar no 49,5%, "a cifra máis reducida desde antes da crise", subliña a Xunta. Tamén é o segundo ano consecutivo que mellora este indicador.

Pola súa banda, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social reduciuse en 2,2 puntos en 2016 e baixa ao 20,3%. O número de fogares con carencia material severa tamén descendeu en 2016 ao 5,3% desde o 6,6% de 2015.

Así mesmo, apréciase unha baixada no indicador de desigualdade, cunha redución de 3,4 décimas sobre o ano anterior. O resultado se que queda en niveis similares aos de 2009.

GASTOS E INGRESOS

No tocante a gastos, o estudo mostra que o 18,8% dos fogares galegos afrontan unha hipoteca da vivenda principal (cun gasto medio de 395 euros ao mes), mentres que o 12,8% dos fogares reside nunha vivenda de aluguer (cun gasto medio mensual de 303 euros). En 2016 descendeu o número de fogares con hipoteca e aumentou o de aluguer.

Respecto dos ingresos, en 2016 subiu o número de fogares co traballo como principal fonte de ingresos (+54,4%), nunha taxa que estaba no 52,8% un ano antes. Aqueles que teñen as prestacións como principal ingreso descenden un punto ao 43,7%. O 1,9% restante viven, principalmente, de rendas ou outros ingresos.

BAIXAN OS FOGARES DE PARELLAS CON FILLOS

Con base nesta enquisa, a tipoloxía máis habitual de fogar en Galicia é o dunha parella con fillos (32,3%), que diminúe case un punto nun ano.

A continuación sitúase o dunha parella sen fillos, que sobe case un punto até o 24,1%. Os fogares unipersonales baixan do 21,7% de 2015 ao 21,2% de 2016. O resto de fogares son monoparentais (10,4%).

Ademais, o 22,4% dos fogares galegos está formado exclusivamente por persoas de 65 ou máis anos, o que contrasta co 5,8% no que só viven persoas menores de 35 anos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta