Continúa a xente ciscada polos corredores de urxencias do hospital de Santiago

A Asociación de Usuarios denuncia a indefensión dos pacientes e pide máis medios e máis persoal para facer fronte a unha situación que Feijóo di que é “puntual”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/12/2017 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Un día máis e os pacientes que acuden ás urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) atópanse ciscados polos corredores. Desde o pasado martes, a situación, lonxe de solucionarse, vai a máis, tal e como denuncia a Asociación de Usuarios. E iso, a pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo teña insistido que se trata de “casos puntuais”.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Así, nun comunicado, esta entidade suliñou que este venres, ás 14:57 horas, 16 pacientes estaban pendentes de ingreso, e 4 cualificados como graves en cadeiras de rodas e padiolas colocados no corredor de acceso, a pesares de existir 4 sitios libres na zona de observación. Na triaxe estaban agardando ser cualificados 20 pacientes. “Minutos mais tarde, a pesares de ser algo previsible tendo en conta o número de pacientes que estaban agrardando en triaxe, a situación empeorou drasticamente”, apuntaron.

Ás 17:00 horas, 20 pacientes con ingreso asinado ocupaban as zonas de traballo e 11 pacientes graves estaban colocados en cadeiras de rodas e padiolas no corredor de acceso sen que poideran ser atendidos por estar todo o servizo ocupado. “As autoridades sanitarias manteñen esta situación de maltrato asistencial permanente amparándose na debilidade dos pacientes cando estamos nunha situación de clara vulnerabilidade debida a nosa doenza”, suliñaron desde esta entidade. 

SOLUCIÓNS

Para poñer fin a esta situación, como pacientes e usuarios esixen,  a apertura e dotación adecuada de persoal da totalidade das camas dispoñibles que neste momento permanecen pechadas, aumentar e mellorar a coordinación cos responsables dos servizos hospitalarios, contratar ao persoal de reforzo e habilitar mais espazos de atención.

Neste sentido, a entidade lembra que se segue a producir o incumprimento das recomendacións do informe dos Valedores do Pobo do ano 2015 en relación cos servizos de urxencias do Sistema Público de Saúde. Neste informe indican que a "saturación dos servizos, en moitos casos de carácter estrutural e non puntual, é a causa principal que motiva o risco de vulneración deste dereitos [dignidade e intimidade]. As situacións de saturación son consecuencia, entre outros factores, da falla de camas libres nos centros sanitarios e dunha xestión pouco eficaz das mesmas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dr Bacterio

E de A Coruña, Vigo, Ferrol, etc