Os rezos a santos e a virxes serven aos historiadores para determinar outros períodos de seca en Galicia

As rogativas son unha fonte para saber se faltaba ou sobraba choiva entre os séculos XVII e XIX, até o inicio dos rexistros oficiais

Por E.P. | Compostela | 01/01/2018 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

As oracións e as procesións son unha fonte "bastante socorrida" que utilizan os historiadores do clima para determinar como foi o tempo antes da aparición dos observatorios en Galicia a mediados do século XIX, cando se inician os primeiros rexistros oficiais.

Subindo con chuvia cara a cima do Galiñeiro
Subindo con chuvia cara a cima do Galiñeiro | Fonte: XS

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela Camilo Fernández, que estudou as rogativas en cidades como Pontevedra, Ourense, Mondoñedo (Lugo) e a propia capital galega, sinala que en Galicia priman aquelas nas que a poboación clama polo cesamento das precipitacións, en consonancia co tempo habitualmente húmido na comunidade.

No culto católico, unha rogativa é unha oración pública feita para conseguir o remedio dunha grave necesidade. "Están moi ben tipificadas no ritual romano (...) Hainas de tipo preventivo e de súplica, entre as que estarían as que piden choiva, pero tamén para repeler as tempestades e fronte á peste", explica este experto en historia moderna.

En declaracións a Europa Press, indica que esta información serve para reconstruír historicamente outros períodos nos que se deron fenómenos como a actual seca, e pon en relación estas "anomalías climatolóxicas" con outras circunstancias como a evolución das colleitas e a mortaldade.

"INTERCESIÓN DIVINA"

De feito, se distintos estamentos sociais como os gremios, as corporacións locais ou a Igrexa promovían e organizaban as rogativas era pola influencia directa que unha época de falta de choiva ou de sobreabundancia tiña (e aínda ten) sobre os cultivos.

Temporal en Santiago, choiva, temporal, paraugas, vento
Temporal en Santiago, choiva, temporal, paraugas, vento

No actual contexto, os galegos, afeitos á existencia de auga dabondo, comezan a familiarizarse cos problemas relacionados coa escaseza de reservas. No sector primario, agricultores e gandeiros tratan de sortear as perdas que lles xera esta situación, que desde hai semanas é de alerta en todo o país.

Volve así a estar "vixente" a idea da "necesidade de intercesión divina para resolver o problema climático", segundo ironiza este profesor, en alusión a "expresións que resumen un pouco a crenza relixiosa ao redor das rogativas dicindo que o que vén do ceo, non o logran os homes".

O EXEMPLO VIVO, NO DEZA

O pasado maio, o arcebispo de Sevilla mostrou a súa "preocupación crecente pola grave seca" e convidou a todos "a pedir ao Señor que conceda a auga que tanto se necesita", expondo a celebración de misas con este obxectivo. Tamén en Galicia, o país do mil ríos, existen exemplos aínda vivos destas cerimonias, como o denominado 'Clamor' de Vilariño (Agolada) a Bermés (Lalín), na comarca do Deza, na provincia pontevedresa.

José Ángel López explica nun breve artigo sobre este novenario de 14 quilómetros que "cando hai necesidade de pedir bo tempo celébrase en Vilariño, que está situado ao norte e ofrece mellor garantía de sol, mentres que se se pide auga celébrase en Bermés, situada ao sur, á beira do --monte-- Carrio, onde as precipitacións chegan durante o inverno traídas polas brisas do norte".

Este texto, que o profesor Camilo Fernández coñeceu a través de José Ramón Pérez, recolle que a duración establecida nun primeiro momento, de cinco, sete ou nove domingos, pódese alterar "acurtándoa ou prolongándoa". A tradición di que as imaxes destas dúas parroquias son irmás, ademais das únicas das 24 que forman a confraría do Clamor que teñen como patroa a Nosa Señora.

Precisamente, o docente da USC asistiu ao Clamor en 2015 para solicitar que chovese, e lembra como descargou un "temporal de choiva" no transcurso da procesión, na que comezan sendo as mulleres as que cargan a imaxe aos ombreiros, entre fogos de artificio, repiques de campás, cánticos e versos á virxe.

A O, SANTA SUSANA, OS REMEDIOS...

Pero no pasado era frecuente e recorrente que os crentes rezasen a un intercesor fronte ás inclemencias: a santa Susana e á virxe do Rosario en Santiago, á da O en Pontevedra, a Nosa Señora dos Remedios en Mondoñedo e á virxe de Reza en Ourense, por exemplo.

Aínda que se remontan á Idade Media, as rogativas, rexistradas nas actas capitulares dos cabildos ou nas consistoriais dos concellos, son útiles para a reconstrución das fases climáticas máis ou menos chuviosas a partir do século XVII, segundo expón Camilo Fernández.

Nalgúns lugares como Pontevedra lograba imporse unha figura --a patroa--, mentres que noutros como en Santiago convivían varias, entre elas a virxe do Portal. De 1675 a 1715 produciuse unha "importante" caída das temperaturas, con aumento de precipitacións, incluídas as de neve. O comercio do xeo deixou a súa pegada nas dependencias de debaixo do claustro da Catedral compostelá, sen ir máis lonxe.

Cara a finais de 1780, este historiador constata un "certo cansazo" e desafección, que se traduce nunha participación nas rogativas non "tan fluída e intensa" como con anterioridade. Por razóns de tipo financeiro, xa que supuñan un desembolso para os gremios, e tamén debido ao paso do absolutismo ao liberalismo, coa chegada de ideas anticlericais, sobre todo nas urbes, e "non tanto" no mundo rural.

CINCO NIVELES

Os estudiosos neste campo elaboran índices hídricos ou termos e asócianos a niveis en razón da maior ou menor severidade destes fenómenos meteorolóxicos. Así, un nivel uno consiste "simplemente" en oracións dentro dunha igrexa.

O nivel dous implica xa unha complexidade litúrxica "máis elevada", na que se introduce a exposición de imaxes de santos ou reliquias con misa e mesmo con procesións no interior da capela. Segue avanzando a un terceiro chanzo no que as procesións xa son públicas, nas principais rúas da cidade, con participación das corporacións profesionais, o concello e as ordes relixiosas con conventos ou mosteiros.

O cuarto paso supón a inmersión de imaxes en ríos ou en fontes --de aí a expresión 'se non chove, co santo ao pilón'--. Como os danos en ocasións eran irreparables e até podía intervir a Inquisición se consideraba que había un delito de herexía, en 1619 ditouse unha prohibición canónica destas inmersións.

O quinto nivel, por último, eleva a cerimonia á categoría de peregrinación a un santuario, en romaría, para solicitar ou ben o cesamento da choiva ou ben da seca.

Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.
Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Daviciño

moi interesante, isto axúdanos a saber que tan certo é o cambio climatico e dirixir mellor o nosos recursos.

1 cousas da clericalla

non se trabuquen na Galiza a fame e a miseria sempre entraron a nado!