Temas: RIBEIRA SACRA

O Festival 17º Ribeira Sacra xa ten datas

Celebrará a súa segunda edición do 27 de xullo ao 5 de agosto de 2018. Deste xeito regresa unha das citas musicais máis singulares do calendario estival, que marida día e noite directos de bandas e artistas de pegada nacional e internacional, viño, gastronomía e patrimonio nun marco natural de excepción.

Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 02/01/2018 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

Tras o éxito da súa primeira edición, o 17º Ribeira Sacra medra en 2018 con máis días, máis músicos, máis actividades e novos escenarios vinculados á riqueza natural e patrimonial do horizonte galego, de forma que os concertos de día que o ano pasado se desenvolveron en Sober, este ano extenderanse a outros concellos da Ribeira Sacra.

Iván Ferreiro no exterior do Parador de Monforte (2017). Foto: Organización 17º Festival RS.
Iván Ferreiro no exterior do Parador de Monforte (2017). Foto: Organización 17º Festival RS.

Proximamente daranse a coñecer os primeiros artistas confirmados e as novidades dun programa que reunirá de novo concertos na natureza, catas de viños, directos en catamaráns e adegas, visitas guiadas, roteiros, cociña de autor e moitas outras sorpresas. Xa logo sairán á venda tamén os abonos do festival, que na súa primeira edición esgotáronse en apenas un mes.

Música, viño, gastronomía e patrimonio.

Tales son os catro eixos dun festival que regresa en 2018 para propoñer unha experiencia única ao redor da música en directo e da cultura do viño nunha zona de excelencia vitivinícola. E, todo iso, amparado polo patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra. Localizado en escenarios singulares do municipio de Sober durante o día, feito que propicia a exclusividade da cita, o festival completará de novo o seu cartel con concertos nocturnos en Monforte de Lemos orientados ao gran público, e programará, tamén, actividades gastronómicas e eventos exclusivos relacionados coa cultura do viño e coa paisaxe que moi pronto se darán a coñecer. Ademais, a cita crecerá en 2018 para ofrecer directos singulares en espazos patrimoniais cun encanto especial.

O 17º Ribeira Sacra é unha cita única promovida por i-radia Crea. A súa primeira edición -celebrada do 28 ao 30 de xullo de 2017 con gran éxito de público e crítica- contou con artistas da talla de The Magic Numbers, Iván Ferreiro, Sumrrá, Ángel Stanich ou Novedades Carminha. Na primeira edición contou, entre outras colaboracións, coa importante achega económica da Deputación de Lugo.

Miradoiro da Ribeira Sacra. Foto: Organización 17º Festival RS.
Miradoiro da Ribeira Sacra. Foto: Organización 17º Festival RS.

Escenararios singulares para experiencias exclusivas.

En 2018 confirmaranse novos espazos para as actividades e directos do 17º Ribeira Sacra e repetiranse, ademais, algúns dos escenarios máis singulares de 2017, como o catamarán de Doade ou o Mirador de Santiorxo.O Festival 17º Ribeira Sacra é a cita perfecta no só para xa coñece o encanto da zona, senón tamén para todas aquelas persoas que aínda non tiveron a oportunidade de deixarse fascinar por un dos segredos mellor gardados da paisaxe galega.

Un horizonte por descubrir.

A Ribeira Sacra podería definirse como un dos segredos mellor gardados da Galicia interior. Integran este destino un conxunto de 21 concellos do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, cun elemento aglutinador común, o curso fluvial dos ríos Miño, Sil e Cabe. Gargantas ou canóns de forte verticalidade deixan ao seu paso unha paisaxe única e unha terra singular elixida desde outrora como lugar de retiro e con condicións climáticas que favoreceron o desenvolvemento dunha importante actividade vitivinícola. As excepcionais condicións da natureza crearon un medio de extraordinario atractivo e inusual beleza. Os profundos vales que o Sil e o Miño foron labrando na dura roca granítica sobrecollen pola verticalidade das súas paredes e os grandes desniveis.

Actuación no catamarán de Doade (2017). Foto: Organización 17º Festival RS.
Actuación no catamarán de Doade (2017). Foto: Organización 17º Festival RS.
Temas: RIBEIRA SACRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta