O BNG inicia a "batalla de Rande" e pide unha investigación sobre os convenios con Audasa e as obras

Cre que o convenio de 2011 non justifica que se aplique unha subida extraordinaria das tarifas este ano

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2018 | Actualizada ás 13:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O BNG anunciou que comezará de forma "simbólica" a "batalla de Rande" para "pararlle os pés a Audasa" e que pedirá unha investigación sobre os convenios coa concesionaria, as obras de ampliación e a propia xestión da AP-9.

Luís Bará e Olalla Rodil
Luís Bará e Olalla Rodil | Fonte: Europa Press

Así o anunciou este martes o deputado nacionalista Luís Bará nunha rolda de prensa na que criticou a subida "xeneralizada" de peaxes rexistrada co inicio do ano e acusou a Audasa de "pirataría na ría de Vigo" para "roubar o tesouro de Rande".

Bará referiuse á cláusula incluída no convenio con Audasa de 2011 na que se permite unha "subida extraordinaria" de tarifas ao ano seguinte á finalización de obras na infraestrutura e vinculouno á "inauguración precipitada" da ampliación de Rande o pasado 31 de decembro.

No entanto, para os nacionalistas esta cláusula "non se pode aplicar", xa que, a pesar desta inauguración, as obras "non se recibiron", polo que, entre outras cuestións, reclamaron que se investigue a pertinencia desta subida de peaxes.

Do mesmo xeito, Bará cualificou de "gravísima irresponsabilidade" que o ritmo das obras de ampliación da ponte se acelerasen "nas últimas semanas" para poder inauguralas dentro do ano 2017, o que causou "un accidente grave" e que as probas de carga se realizasen "no medio dun temporal" para "favorecer os intereses da empresa".

NEGOCIACIÓNS E "PACTOS SECRETOS"

Luís Bará considera que existen "negociacións e pactos secretos coa empresa para favorecer os seus intereses" e anunciou que o BNG iniciará a "batalla de Rande" para "parar as peaxes abusivas", pedir que se tomen medidas de "abaratamento" da infraestrutura, reclamar a súa transferencia a Galicia e mesmo estudar un rescate da concesión.

Após criticar a "inútil" comisión bilateral Fomento-Xunta para a AP-9, Bará adiantou que o BNG pedirá unha investigación sobre os convenios con Audasa de 2011 e 2013, as obras de ampliación, as condicións laborais dos obreiros e a xestión en xeral da AP-9.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta