Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/01/2018 | Actualizada ás 22:00
En novembro de 2016 xa era “o principal sospeitoso”. A falta de probas e a coartada que lle proporcionaban a súa muller e os seus cuñados retrasaban a súa detención. Pero un ano despois, a Garda Civil non tiña dúbidas da súa implicación na desaparición de Diana Quer. En decembro, os investigadores ultimaban o informe coas probas para levalo ante o xuíz de Ribeira.
Pero O Chicle, malia saberse vixiado, volveu á carga: tentou o secuestro dunha muller en Boiro no día de Nadal, sen éxito pola resistencia e os berros da agredida e a aparición de dous rapaces. A detención de José Enrique Abuín Gey era inminente. Con todo, foi “unha grave filtración á prensa”, nas propias verbas do coronel xefe da Comandancia da Coruña, Francisco Javier Jambrina, o que obrigou á Garda Civil “a reaccionar rapidamente” e deter O Chicle ás 10.15 horas do pasado venres.
“El viernes nos amanecemos con una grave filtración en prensa que nos compromete totalmente y nos obliga a precipitar las detenciones. Eso siempre es un problema; actuar con improvisación no es bueno para una investigación de este calado. Se está investigando para ver si alguien tiene responsabilidades”, apunta Jambrina en relación á nova publicada por La Voz de Galicia sobre os axentes da UCO que interromperon as súas vacacións para viaxar de urxencia ata Galicia.
A falta de probas, a coartada da súa familia e, segundo a Garda Civil, o feito de que José Enrique Abuín Gey fose “un criminal agudo”, case un profesional do delito, fixeron que a súa detención polo caso de Diana Quer -a moza madrileña desaparecida na madrugada do 22 de agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal- non se producise ata o pasado venres, xusto cando se cumplen 500 días da súa desaparición.
Cinco minutos despois da detención do Chicle, foi o turno da súa muller, Rosario Rodríguez. Após ser detida, tanto a muller de Abuín como a irmá desta e o seu marido, deixaron de ofrecer “unha coartada” sobre onde estaba o seu Enrique Abuín o día en que desapareceu Diana Quer na Pobra do Caramiñal. Fixérono tras saber da súa vinculación co novo intento de secuestro en Boiro, denunciado o pasado 26 de decembro.
NO ALXIBE DUNHA FÁBRICA
Na investigación do caso Diana Quer participaron axentes da Comandancia da Coruña e da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil. Este martes, para dar conta da mesma, compareceron o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o coronel xefe da UCO, Manuel Sánchez Corbí, e o coronel xefe da Comandancia da Coruña, Francisco Javier Jambrino.
Villanueva confirmou que as probas de ADN ratificaron que o corpo de Rianxo, localizado nun alxibe de auga usado para unha antiga fábrica de gasosas, é o de Diana Quer.
“Trátase dunha boca dun metro e medio, cuberto por unha laxa de formigón”, explicou o coronel Jambrina, quen precisou que se desprazaron ao lugar equipos de submarinismo da Garda Civil e incluso Bombeiros do Barbanza. “A uns oito metros, cunha cámara, viuse que había un corpo, ben conservado”, que tiña “dúas cordas, unha á cintura e outra aos ombreiros e, en cada unha, ladrillos de formigón”. Ademais, atopouse un bolso e unha brida de plástico que puido ser utilizada “para atar as mans ou estrangulala”, apuntou Jambrina, sen querer ratificar que o detido confirmase este último extremo.
UNHA INVESTIGACIÓN DIFÍCIL
Ambos remitíronse unicamente ao que consta nas dilixencias da Garda Civil, segundo as cales Abuín atribuíu a morte da moza a “un atropelo accidental”, algo que o coronel Jambrina, á espera da autopsia, cualificou “de imposible” pola investigación efectada. “Deixaría algún rastro”, apostilou o coronel xefe da UCO. Este último, nun exhaustivo relato da investigación, defendeu que non se escatimaron “recursos, nin ganas” para unha investigación "difícil" por non haber "nin testemuñas, nin móbil, nin corpo".
A investigación centrouse, entre outros aspectos, en analizar “40 cámaras”. Coa aparición do móbil da vítima (“chave" para os investigadores) en outubro de 2016 e o seu posterior desbloqueo en xuño de 2017, conseguiuse avanzar na investigación. E é que un dos teléfono móbil de Abuín Gey "coincide” no seu itinerario co de Diana. “Entre as 2:42 e as 2:58 son compatibles”, explicou o coronel da UCO, quen precisou que tamén cadraban os feitos “co pasado” do agora detido, autor dunha agresión sexual á súa cuñada, irmá xemelga da súa muller, en 2005, cando contaba con tan só 17 anos.
Por todo iso, e no marco dunha investigación que levou á análise “de máis de dous millóns de datos” de telefonía móbil, e no que se investigou a tres coches sospeitosos (un deles, o Alfa Romeo gris do detido), acabouse realizando, desde novembro de 2016, un seguimento sobre o agora detido. Con todo, o Chicle decátase, “se mosquea” e contacta, de xeito informal, cun axente da Garda Civil.
OS ERROS DO DETIDO
“Aí comete un fallo”, subliña o coronel xefe da UCO, quen precisa que nese encontro di que a noite que desapareceu Diana Quer estivo nas festas da Pobra coa súa muller. Logo, nunha declaración como testemuñas, ambos dirían que foron a roubar gasolina para despois, unha vez detida, a muller desdecirse. O mesmo farán a cuñada de Abuín e o seu marido.
En novembro de 2017, non hai, para a Garda Civil, “ningunha dúbida” de que o agora detido é o autor da morte de Diana Quer, malia que, para exculparse, deixara con anterioridade que a Garda Civil examinase o seu coche e entregou o seu móbil, pero "reseteado", con “conversas preparadas” entre el e a súa muller. “É un criminal agudo, alguén que sabe o que ten que facer”, apuntaron dende a Benemérita en relación ao seu pasado delituoso.
NOVO INTENTO DE SECUESTRO
O caso dá un envorco trala denuncia que o pasado 26 de decembro presenta unha muller de Boiro de 28 anos por tentativa de secuestro. Esta describe “un Alfa Romeo” como o coche do Chicle, e incluso dá dous números da matrícula e unha letra. O “nexo” co caso Diana Quer fai que o 27 de decembro se despracen á Galicia varias decenas de efectivos da UCO. Unha vez detido o pasado venres, Abuín acaba confesando e levando aos axentes ata a nave abandonada de Asados (Rianxo), moi preto da súa propia casa familiar, na madrugada do domingo.
Agora, a Garda Civil volve sobre outras denuncias, sobre todo de violacións, entre 2005 e 2016, para ver da posíbel implicación de Enrique Abuín Gey noutros casos. Ao tempo, o coronel xefe Manuel Sánchez Corbí convida á prensa a facer "autocrítica" polo tratamento que se deu ás informacións do caso Diana Quer, o máis "mediático" dende que el traballa na UCO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.