Temas: AUGA CULLEREDO

A auga da billa segue saíndo marrón en Culleredo

Veciños da vila denuncian que non se solucionou este problema, detectado hai varios meses.

Por Galicia Confidencial | Culleredo | 03/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A auga da billa sae marrón nalgunhas zonas de Culleredo. Un problema detectado hai varios meses e que persiste, o que ten desesperados a verios veciños desta vila coruñesa, aos que nin o Concello nin a empresa subministradora da agua, Emalcsa, nin a concesionaria municipal, Gestagua, ofreceron solucións.

A auga da billa sae marrón en Culleredo.
A auga da billa sae marrón en Culleredo.

Esta mesma semana unha veciña de Culleredo enviaba un vídeo gravado no seu domicilio no que se observa claramente como a auga da billa do lavabo sae de cor marrón.

"Solicito a vosa colaboración para esixirlle ao Concello auga limpa en Culleredo. Así sae de xeito continuado durante os últimos meses. Carraxe e impotencia, mentres Gestagua cruza os seus brazos e cobra os recibos. Noxo", expresaba indignada Yolanda Rodríguez a este xornal a través de Twitter.

A denuncia non é nova. En novembro pasado varios veciños do Burgo xa denunciaran esta situación e gravaran vídeos para visualizar un problema que xa viña de tempo atrás.

"Isto repítese desde hai un montón de tempo e, para colmo, indican que é auga potable. Xa me diredes se vos beberiades iso que sae da billa", denunciaba Mónica PS en Culleredo Más Noticias o 9 de novembro

Tamén Raquel Casal Loureda se queixaba do mesmo problema na mesma canle: "Por enésima vez sae a auga así no Burgo. Hai que tomar unha solución, non te podes duchar, nin cociñar nin nada. Así que fagan o que teñan que facer, pero xa".

Con todo, non houbo resposta satisfactoria ás demandas dos veciños. O propio Concello recoñecía por entón que "veciños de varias rúas están a padecer problemas de turbidez de auga", polo que o goberno local demandou á suministradora da auga en alta (Emalcsa) e á concesionaria municipal (Gestagua) que solucionasen un problema que persiste.

Técnicos e especialistas de Gestagua emitiron un informe no que xustifican que esa coloración marrón da auga é "un fenómeno común" e "a súa intensidade e frecuencia depende da composición química da agua de captación e das características de cada sistema de subministro". Para Gestagua, esa turbidez non afecta a potabilidade da auga. Resposta que non comprace nin convence a moitos veciños.

Para Yolanda Rodríguez é unha "tomadura de pelo de Gestagua". "Hoxe [por onte, martes] estiveron en casa, Fonteculler, e non van facer nada a pesar do estado da auga durante os últimos meses a todas horas. Pagar por este barro é indignante", quéixase esta veciña.

Temas: AUGA CULLEREDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta