Pedirlle cartos a Amancio Ortega

A crítica ó empresariado galego agocha a nosa falta de conciencia cívica.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 08/01/2018

Comparte esta noticia

Neste Nadal pasado tivemos a nova, non por agardada menos dolorosa, de que o principal edificio do Centro Galego de Bos Aires, no seu tempo a maior pegada da diáspora galega no exterior, vai ser vendida a un grupo sanitario español. A emigración hai xa tempo que deixou ó noso país exangüe e, a falta de renovación xeracional, a morte chégage a todos os colectivos emigrados, sexa por asimilación ou por pura bioloxía. O salientable deste feito é que o inmenso patrimonio do noso país ali depositatdo corre o risco de perderse, enormes fondos bibliotecarios é simbólicos. Pero hai algo máis: desde hai case 70 anos o cuarto onde morreu Castelao permanece intacto. Cousa incrible, non só sendo como é ese edificio un hospital moi concorrrido senón porque pouco dados somos os galegos a preservar a memoria. E iso malia que o Centro Galego pouco despois da súa morte tivo que facer componendas coa embaixada de Franco por propia supervivencia. Mais semella que nos tempos da máis fonda escuridade a aura do primeiro dos galegos foi abondo para que ese lugar se convertera nun lugar sacro durante todo este tempo.

Mais o que resulta rechamante, é alén de pedirlle ao Presidente Feijoo que se ocupe (ao que el respondeu algo así que “xa iria indo”) non houbo clamor máis, nin sequera entre aqueles que se dín máis comprometidos. Igual é porque neses días previos ó Nadal as prioridades eran outras (mais duvido que os da Xeración Nós tivesen a mesma pasividade no seu tempo ante un feito similar). Chama a atención que absolutamente ninguén suxeriu que se fixese unha colecta popular (o que agora os gafapastas chaman “crowfunding”). Que se ocupe a Xunta. Se os do Centro Galego tiveran feito o mesmo daquela nin habería centro galego, nin hospital nin por suposto fondos históricos. Resulta irónico que cunha fracción do que a Facenda española se levou dos millóns gastados polos Galegos no Gordo da Lotería tería sido de abondo para repatriar todos os bens de Bós Aires, mobles e ata paredes do cuarto de Castelao incluídos. Sitio na Cidade da Cultura hai de abondo.

Este triste, e temo que finalmente desastroso, caso de pasividade (alén dos laios para galería) é tristemente un exemplo da actitude galega en xeral para calquera cousa que demande un compromiso cívico e que non sexa veiculado polo que a ollos do discurso español-madrileño sexa prioritario ou aceptable en cada momento.

Pasa o mesmo cos empresarios. De cando en vez saen na prensa veladas suxestións que en vez de mercar solares na Quinta Avenida Amancio Ortega (ou os mexicanos de Avión, por pór outro caso) debería regar Galicia co maná da segunda ou primeira fortuna mundial. Certamente escasea no empresariado galego o espírito filantrópico que é común nos Estados Unidos onde moitos ricos acaban repartindo boa parte da súa riqueza (Warren Fuffet ou Bill Gates són só casos recentes dunha longa tradición). No noso caso alén dos Indianos retornados, e casos coma o de Enrique Peinador, Ramón Castromil, os fundadores de Zeltia ou Sargadelos, iso é moi raro. É peor agora que perante a Longa Noite de Pedra, pero non hai que enganarse; a prioridade do empresario galego nunca foi nin a filantropía nin tampouco enriquecerse indefinidamente ó xeito protestante: os cartos son só o medio, a súa aspiración foi e segue a ser acadar certo estatus social, facerse socio do casino, ter piso en Baiona-Sanxenxo e en Madrid, pór a estudar os fillos, casar ben a filla e pouco máis. Case se podería dicir que o empresario galego máis ca un anceio material ten unha militancia estética, importa máis ter o pelo engominado, e cos anos, a media calva peiteada para atrás con caracoliños ao estilo xerezano e que te saúden os pares polo paseo marítimo. Hai casos a esgalla  (ocórreseme o do que pasou co que hoxe chamariamos o cluster dos cadaleitos en Rivadavia) no que o patrón de “avó currante, fillo estudante e neto tunante” se repite sen falla.

Igual é que Ortega e os demáis non reinvisten máis en Galicia pola falta de confianza entre o propio empresariado, tan individualista ou máis có galego medio, e pola a ausencia do que os sociólogos chaman “capital social”. Se Galicia é exportadora neta de aforro non é porque o país sexa un ermo senón porque non existe confianza social nos investidores, empregados, institucións e axentes sociais. O que en Emilia-Romagna chaman “la Concertazione”. É por iso que por moitos clusters  se decreten no DOGA e por moitos metros cadrados de descampado se recalifiquen como parque industrial se non hai un mínimo de confianza difícilmente van chegar a algures. Os clusters que teorizou Putnam precisan de tal capital social (que é denso en sitios coma Euskadi ou o Centro de Italia),e sen ese é difícil que existan as chamadas “clases creativas” que inventou e das que leva vivindo moito tempo Richard Florida.

En troques disto, resulta lamentable observar o comportamento da nosa clase empresarial organizada empezando polo piscodrama continuo da Confederación de Empresarios de Galicia, coas súas leas e personalismos, Xogo de Tronos de estructuras anticuadas aínda de base provincial, para que este teórico clube de ricos teña que acabar que pedirlle cartos a Feijoo para evitar o peche. Non falemos do Clube Financieiro de Vigo, grupo de prohomes que semellan ter ocupado máis forzas a elaborar informes contra o galego en vez de solventar o pobre nivel de inglés, por non dicir de alemán e chinés entre directivos e cadros das nosas empresas (nin sequera de portugués malia a Lei Paz Andrade de 2014, malia ser un  raro exemplo de consenso entre política e empresa). Resulta tamén simbólico do civismo da nosa clase empresarial que a sé do citado clube teña un número de alturas que vai alén do urbanismo, o sentido común e o bo gusto.

Mais sería inxusto que os empresarios apandaran coa única responsabilidade do que é un verdadeiro problema de acción colectiva.  No que segue a ser a principal debacle económica galega deste século, as Caixas galegas desapareceron pola complicidade pasiva de todos aqueles actores sociais que estaban no seu consello de administración e deixaron facer ós caudillos que nelas se fixeran fortes nelas durante décadas.Esa falta de confianza colectiva, e non só a complicada situación financeira desas entidades, foi a que levou a que case ningún empresario, cidadán ou entidade galega se xuntase ó esforzó desesperado de Jose María Castellano para manter a entidade en mans galegas. As consequencias, en termos de aforro pero tamén de perda know how e capacidade de diversificación do tecido productivo, habémolas sentir durante décadas.  

O problema é ainda máis profundo: Galicia non existe como marca pola propia desidia das empresas galegas. Como é que Galicia Calidade non sexa unha marca regulada de rigorosa certificación do Feito en Galicia coma por exemplo a “Chave da Calidade” (Suomalainentyo) finlandesa? Ou que nas conservas, o principal produto exportador recoñeciblemente galego, se mencione a provincia e a España (por cero, sempre con maiúsculas) NUNCA se mencione que é un produto galego (a diferencia de calquera trapallada que saia de Escocia, que nunca deixa de pór Made in Scotland). Falta de orgullo. De Coren sempre se dí que se tratan ben ou mal ós asociados pero ninguén semella salientar que segue a ser unha das primeira cooperativas de Europa. Non falamos do sempre adiado "Grupo leiteiro Galego" ou da fraude do Ribeiro.

Pero volvamos a Ortega. Se bén é certo que o negocio Zara é  “fast fashion”, é dicir, facer roupa de deseño sen deseñadores coñecidos, ser impersoal para ser gobal, canto axudaría á “Marca Galicia” que se reivindicase galega no estranxeiro como fai calquera empresa da moda italiana. A Ortega coma a calquera empresario hai que esixirlle que pague os impostos e cumpra o dereito laboral. Mais pretender que deixaren un legado cos cartos que teña ou deixe de ter é o de menos: Zara é sobre todo un exercio de loxística que pon en evidencia o determinismo de Beiras, baseado na teoría da dependencia, sobre a inevitabilidade do “Atraso Económico de Galicia”. Zara, Coren ou Zeltia proban que nin Galicia é o cu do mundo nin é imposible que algún día sexamos unha potencia económica, sen AVEs nin prebendas de Madrid ou da Xunta. Por iso que alén da filantropía, obras sociais e monumentos o mellor legado que os nosos empresarios daquí ou da emigración (sexan os de Latinoamérica, Europa, Madrid e Barcelona) poden deixar é axudar a reproducir en Galicia  o seu modelo de éxito, crear tecido para aumentar das nosas empresas, incubar outras empresas, entrenar a futuros cadros empresariais, investir en capital risco galego,  usar os canais da emigración para tecer novas redes comerciais, aportar fondos para a I+D e asociarse para algo máis que para paripés e paparotas.

Mais non lle esixamos ós empresarios aportar máis do que nós mesmos non estamos dispostos a facer. Se non nos comprometemos individualmente, sequera modestamente a obras colectivas coma repatriar o patrimonio do centro galego de Bos Aires (e o doutros países), participar na nosa comunidade de veciños, esixir ós partidos da oposición que presenten unha memoria económica detallada para os seus programas electorais, propostas alternativas de orzamento da Xunta ou da financiación autonómica non lle pidamos a outros pór os seus cartos en Galicia. Vivimos cómodos na queixa individualista e o asistencialismo provinciano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA